A Xunta concede 40 axudas por un importe de 90.000 € para actuacións de conservación, protección e mellora das árbores e formacións senlleiras

Outorga 17 subvencións a 10 entidades propietarias ou particulares e 23 axudas distribúense entre 11 concellos e as deputacións provinciais da Coruña e Pontevedra

O catálogo galego de árbores senlleiras suma xa no conxunto da Comunidade 194 elementos, pertencentes a 84 especies diferentes

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2024

A Xunta de Galicia publica hoxe no Diario Oficial de Galicia as resolucións das convocatorias polas que se conceden 40 axudas por un importe de 90.000 euros para executar actuacións de conservación, protección e mellora de exemplares incluídos no Catálogo galego de árbores senlleiras, que a día de hoxe conta con 194 exemplares e formacións.

No caso da liña de axudas a entidades propietarias ou particulares, 10 beneficiarios reciben 17 subvencións por un importe total de 60.000 euros. Por outra banda, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático concedeu 30.000 euros en 23 subvencións a 11 concellos e dúas deputacións provinciais-A Coruña e Pontevedra- no marco da liña de axudas á administracións locais.

Entre o tipo de intervencións subvencionables está a realización de podas e control das copas, a aplicación de tratamentos fitosanitarios, accións encamiñadas á conservación e mellora do entorno dos elementos catalogados, actuacións de divulgación e sinalización, e a realización de estudos dos exemplares.

Ferramenta en constante actualización

O Catálogo galego de árbores senlleiras é unha ferramenta aberta e en constante actualización, xa que poden propoñer a inclusión de elementos novos os seus propietarios, as administracións, os centros de investigación ou as asociacións e entidades públicas ou privadas que teñan entre os seus fins a protección da natureza.

De feito, desde a aprobación do seu regulamento no ano 2007, este inventario de carácter administrativo foi obxecto de diversas revisións e periodicamente sométense a información pública novas propostas para valorar a incorporación de exemplares con valores salientables.

Na actualidade, logo da inclusión, este mesmo mes, do gran castiñeiro de Surribas, localizado no concello do Irixo, o catálogo suma un total de 194 elementos rexistrados (152 exemplares e 42 formacións arbóreas) pertencentes a 84 especies diferentes e coa seguinte distribución:

PROVINCIA

ÁRBORES

FORMACIÓNS

TOTAL

A Coruña

43

14

57

Lugo

35

7

42

Ourense

21

6

27

Pontevedra

53

15

68

Galicia

152

42

194

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/05/2024