A Xunta inicia as obras de mellora de 64 paradas de autobús en estradas autonómicas das comarcas de Santiago, Fisterra, Terra de Soneira e Xallas

Os traballos, que se desenvolverán en paradas das rutas de acceso polo noroeste á cidade de Santiago, iniciarónse esta semana en Bustelo (Dumbría) na AC-552 e nos vindeiros días continuarán de xeito paralelo na parada situada na estrada AC-300 en Perros (Brión) 

Ademais de Dumbría e Brión, actuarase nos concellos de Ames, Brión, Camariñas, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Santa Comba, Vimianzo e Zas

As intervencións abranguerán paradas en 14 estradas e inclúen a dotación de marquesiñas, a mellora da accesibilidade con ramplas, información en braille e o incremento da visibilidade e iluminación

As actuacións enmárcanse no Plan de mellora da seguridade e accesibilidade das paradas de autobús nas estradas autonómicas, co que a Xunta ten previsto investir arredor de 35 M€ para a mellora de 1.100 paradas en toda Galicia

Santiago, 23 de maio de 2024

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas acaba de iniciar as obras para a mellora da accesibilidade e conectividade de 64 paradas de autobús situadas en 14 estradas da rede autonómica ao seu paso por 10 concellos nas comarcas de Santiago, Fisterra, Terra de Soneira e Xallas. O investimento nestas paradas, situadas nas rutas de acceso polo noroeste á cidade de Santiago, ascende a máis de 2,3M€.

Os traballos iniciáronse esta semana en Bustelo (Dumbría), na estrada AC-552, e nuns días comezarase en paralelo a traballar noutra parada da estrada AC-300 en Perros (Brión). En Brión actuarase ademais dentro deste proxecto noutras 20 paradas e en Dumbría noutras 3, mentres que os restantes concellos nos que se intervirá son Santa Comba (12 paradas); Ames (9); en Brión (21); Camariñas (2); Cee (1); Corcubión (1); Fisterra (7),Vimianzo (2) e Zas (4).

En concreto, as actuacións previstas suporán o acondicionamento dos carrís para a parada do autobús, a mellora da accesibilidade e a pavimentación da contorna coa execución de sendas ou beirarrúas.

Tamén se instalarán novas marquesiñas, ademais de actuacións complementarias de drenaxe, condución de servizos ou colocación de varandas para protexer os usuarios alí onde poida haber desniveis.

Ademais, actuarase na mellora da accesibilidade para peóns, en xeral, e para persoas con mobilidade reducida, a través de medidas como a conexión das paradas cos itinerarios peonís, a execución de ramplas de acceso, información en braille ou pavimento podotáctil.

As obras tamén prevén medidas de seguridade, coa eliminación de vexetación, a mellora da visibilidade e da iluminación ou a ampliación do espazo ao redor das paradas. Ademais, reforzarase a información e a sinalización, colocando planos de situación e percorridos ou sinais indicativos das paradas.

Estas intervencións enmárcanse no Plan de mellora da seguridade e accesibilidade das paradas de autobús nas estradas autonómicas, co que a Xunta ten previsto investir arredor de 35 M€ para a mellora de 1.100 paradas en toda Galicia.

As actuacións están financiadas pola Unión Europea a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e enmárcase no Plan de infraestruturas da Xunta para unha mobilidade segura, verde e intelixente.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/05/2024