A Xunta adxudica por 3,7 M€ as obras de renovación extraordinaria do firme da autovía Dozón-Ourense, entre o enlace de Cea e a A-52

O contrato asinarase nas vindeiras semanas e os traballos comezarán previsiblemente no próximo mes de xullo

A intervención consiste na reparación do pavimento e o estendido dunha nova capa de rodaxe sobre toda a superficie de calzada nun treito de 13 km desta autovía

Os traballos contarán cun prazo de execución de 4 meses e permitirán intervir nunha superficie de 273.000 m2, incluídos os ramais do enlace coa OU-402 e a A-52, ademais duns 10.000 m2 en carrís adicionais

A actuación incluirá a revisión e a adecuación das barreiras de seguridade á normativa vixente

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2024

A Xunta adxudica por 3,7 M€ as obras da renovación extraordinaria do firme da autovía autonómica Dozón-Ourense (AG-53), entre o enlace de Cea e a A-52.

O contrato, adxudicado á UTE Civis Global-Covsa, asinarase nas vindeiras semanas e os traballos comezarán previsiblemente no próximo mes de xullo.

Esta actuación centrarase na reparación do pavimento existente e o estendido dunha nova capa de rodaxe sobre toda a superficie de calzada do treito de 13 km entre o enlace de Cea, no quilómetro 74+200, e o final da autovía, no enlace coa estrada autonómica OU-402 e a A-52, no punto 87+200.

As obras, que contarán cun prazo de execución de 4 meses, executaranse neste treito da autovía, de dobre calzada con 2 carrís de 3,5 metros, beiravías exteriores de 2,5 metros e beiravías interiores de 1 metro.

Os traballos incluirán intervencións nunha superficie aproximada de 273.000 m2, incluídos os ramais do enlace coa OU-402 e coa A-52, ademais duns 10.000 m2 en carrís adicionais.

O adxudicatario deste contrato tamén deberá revisar a adecuación das barreiras de seguridade á normativa vixente, tanto metálicas como de formigón, incluída a barreira existente na mediana, acometéndose as modificacións precisas para a súa adaptación en caso contrario.

Finalmente os traballos completaranse co repintado das marcas viarias e a reposición do balizamento afectado polas obras.

Data de actualización: 23/05/2024