A Xunta adxudica por preto de 900.000 euros o contrato para crear a Oficina Técnica de Impulso de Iniciativas de Adaptación ao Cambio Climático

Galicia resiliente é un servizo pioneiro que prestará asesoramento especializado ás entidades integrantes da Alianza Galega polo Clima e do Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía co obxectivo de acadar o antes posible a neutralidade climática

O seu traballo neste ámbito durará catro anos, coa posibilidade de prórroga por outro máis, co que a súa actividade se estenderá ata o ano 2028, ou 2029 no caso de que se faga efectiva esa ampliación

Esta ferramenta pretende que a comunidade galega siga sendo un referente na acción contra o quecemento global ao facilitar o deseño de actuacións para atallalo e contribuír á busca de financiamento para a súa posta en marcha

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2024

A Xunta adxudicou recentemente por preto de 900.000 euros o contrato para a posta en marcha dun servizo pioneiro de asesoramento técnico e especializado co fin de promover en Galicia accións, tanto públicas como privadas, de adaptación ao cambio climático. Esta iniciativa, denominada Galicia resiliente, contribuirá a consolidar a posición da comunidade como referente na loita contra o quecemento global. 

A finalidade desa oficina técnica -integrada por profesionais como enxeñeiros, arquitectos, graduados en Dereito, Ciencias Políticas, Xestión e Administración Pública ou titulacións análogas- é atender cuestións relacionadas con este fenómeno de dimensións globais pero cuxa solución pasa pola implicación e o traballo conxunto de todos os sectores, incluíndo as diferentes administracións -con especial mención aos concellos-, entidades privadas e a sociedade en xeral.

O servizo -que se porá en marcha nas vindeiras semanas- enmárcase no obxectivo da Xunta de acadar a neutralidade climática en Galicia, entendida como o equilibrio entre as emisións e as absorcións de gases de efecto invernadoiro derivadas da actividade humana, tal como recolle a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050. 

De feito, nese contexto impulsáronse tanto a Alianza Galega polo Clima -na que se inclúen empresas, colexios profesionais, sindicatos, organizacións ambientais, da sociedade civil e administracións públicas comprometidas coa consecución dunha Galicia climaticamente neutra e resiliente- como o Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía. 

Precisamente, Galicia resiliente conta con cinco liñas estratéxicas, das que a primeira delas é asesorar aos actores da Alianza Galega polo Clima para promover iniciativas de mellora nas prácticas de resiliencia e minimización do impacto climático, salientando os mecanismos de colaboración público-privada para o desenvolvemento de iniciativas e intercambio de boas prácticas.

Do mesmo xeito, acompañará aos concellos galegos en accións específicas e concretas que axuden a implantar as medidas recollidas nos plans de acción de clima e enerxía sostible dos municipios de Galicia e o cumprimento dos seus compromisos. Nesta liña, tamén buscará apoio e financiamento para as accións de adaptación ao cambio climático promovidas polos concellos e os membros da Alianza Galega polo Clima en cumprimento da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050.

A estas alianzas sumouse recentemente a Rede Local polo Clima, a primeira rede que constituirá o instrumento de gobernanza local e rexional en Galicia fronte ao cambio climático. Nela, a Xunta coordinará xunto aos concellos as actuacións para aproveitar sinerxías e sumar resultados na loita contra o cambio climático.

Participación en iniciativas

Outra das finalidades do contrato é promover a participación de Galicia, das entidades locais e de actores privados en accións como proxectos piloto de adaptación ao cambio climático, o desenvolvemento de redes de intercambio, a presenza en comunidades de práctica ou a procura de oportunidades de financiamento para accións de I+D+i. Esta oficina técnica tamén ofrecerá asesoramento técnico para a redacción de documentos e o deseño de accións aliñadas coa estratexia galega polo clima.

O contrato terá unha vixencia de catro anos, coa posibilidade dunha prórroga por outro exercicio máis, co que as actuacións deste servizo se desenvolverán entre este ano e 2028, ou 2029 en caso de que se faga uso da opción de prórroga. 

A posta en marcha de Galicia resiliente pretende que a comunidade siga sendo unha rexión líder na acción climática impulsando un servizo pioneiro de asesoramento técnico e especializado, facilitador de actuacións de fomento e impulso de medidas de adaptación ao cambio climático en todo o territorio galego. 

Data de actualización: 23/05/2024