A Xunta presenta na reunión do Observatorio Nacional de Artesanía que se celebra en Xixón a súa estratexia pioneira para garantir a remuda xeracional no sector

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, asistiron hoxe ao encontro impulsado por Fundesarte no que participan representantes do Estado e do resto de autonomías

No marco do debate sobre os retos aos que se enfronta a artesanía, presentouse o programa da Xunta, único en España, ‘Aprender da tradición. Oficios e técnicas’, no que xa se teñen formado case un cento de persoas en Galicia en diferentes disciplinas

Xixón (Asturias), 23 de maio de 2024

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participaron esta mañá nunha nova reunión do Observatorio Nacional de Artesanía, un foro impulsado por Fundesarte no que participan representantes das diferentes comunidades autónomas, así como a Organización de Artesanos de España (OAE). No encontro, puxeron en valor a estratexia pioneira de Galicia -única en España- para garantir a remuda xeracional no sector.

Durante a reunión, que tivo lugar en Xixón, debateuse sobre os diferentes retos aos que se enfronta a artesanía na actualidade e sobre a necesidade de crear sinerxías entre os diferentes territorios que axuden a manter un sector económico sólido e sostible no tempo.

Nesa liña, os representantes galegos referíronse ao programa Aprender da tradición. Oficios e técnicas que impulsou en novembro de 2023 a Fundación Artesanía de Galicia, dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. Así, destacaron que case un cento de persoas teñen participado ata o de agora nas distintas accións de formación continua programadas para conservar e renovar técnicas e oficios tradicionais e para captar novos talentos que aseguren o futuro da artesanía galega, téndose acadado xa -en menos dun ano de traballo- a incorporación efectiva de alumnado participante ao mercado laboral.

En concreto, realizáronse obradoiros sobre formas tradicionais da olería de Buño, de técnicas de ourivería e acibechería, específico de acibechería, sobre a ourivería compostelá, de formación en xastrería artesanal e de patronaxe, corte e confección. Ao longo deste ano está previsto incrementar o número de actividades formativas co obxectivo de ampliar o abano de oficios nos que asegurar a remuda xeracional, incorporando outras disciplinas como a cerámica.

Fundesarte

As reunións do Observatorio Nacional de Artesanía están promovidas por Fundesarte, organización de referencia na promoción e no desenvolvemento das empresas artesás españolas, centrada en potenciar, poñer en valor e comunicar a calidade do produto artesán e a sostibilidade dos seus procesos de elaboración.

Fundesarte é tamén a entidade que cada ano convoca os Premios Nacionais de Artesanía e a que coordina a participación das diferentes comunidades autónomas en proxectos de carácter internacional como é o caso dos Días Europeos da Artesanía ou de Crafts Code, nos que participa Artesanía de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/05/2024