A directora xeral de Xuventude visita as instalacións da granxa-escola Corazón de Carballo, no concello pontevedrés de Tomiño, que participa un ano máis no programa

Lara Meneses destaca a aposta por actividades en contacto coa natureza e de prácticas sustentables co medio ambiente da Campaña de Verán de Xuventude

Entre a programación está a posibilidade de vivir en primeira persoa a experiencia do pastoreo tradicional, coidado de aves ou cultivar unha horta ecolóxica

A Campaña de Verán deste ano ofrece 2.540 prazas na provincia de Pontevedra

Tomiño (Pontevedra), 23 de maio de 2024

A director xeral de Xuventude, Lara Meneses, salientou hoxe a programación de actividades vencellas con prácticas sustentables e de contacto coa natureza que ofrece a Campaña de Verán da Xunta de Galicia deste ano para a rapazada. Deste xeito, considerou que se potencian entre as xeracións máis novas “valores tan importantes, como coidado e respecto polo noso patrimonio natural e o medio ambiente”.

Así o puxo en valor na súa visita esta mañá a granxa-escola Corazón de Carballo no concello pontevedrés de Tomiño, á que se achegou para coñecer de primeira man o programa de actividades e as instalacións que collerán, un ano máis, os participantes da Campaña de verán da Xunta de Galicia.  

En concreto, esta granxa-escola desenvolverá a actividade Aventura na granxa, na que participarán 40 mozos e mozas, de entre 13 e 16 anos, do 11 ao 18 de agosto. Meneses explicou que, entre as actividades ofertadas, se inclúen dinámicas de pastoreo tradicional, coidado de aves e cultivo de horta ecolóxica. Súmanse a esta oferta, rutas para coñecer a contorna, obradoiros de instrumentos musicais e pinturas realizados con elementos naturais ou un scape room con temática de granxa, entre outras.

2.540 prazas na provincia de Pontevedra

A directora xeral de Xuventude lembrou que a granxa-escola Corazón de Carballo en Tomiño forma parte da oferta de prazas en Pontevedra da Campaña de verán da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, “que na provincia alcanza as 2.540”, precisou.

 

Os campamentos desta campaña na provincia de Pontevedra lévanse a cabo nun total de 10 instalacións. Así, ademais de na granxa escola Corazón de Carballo en Tomiño, desenvólvense no albergue xuvenil de As Sinas en Vilanova de Arousa; no campamento xuvenil de Pontemaril en Forcarei; no campamento xuvenil Illa de Ons; no albergue municipal Vicente Agulló, en Lalín; na Residencia de Tempo Libre de Panxón; na granxa escola Fervenzaventura en Silleda; no centro de educación ambiental O Kiriko en Fornelos de Montes; no Complexo Cultural Illa de San Simón; e noutra instalación no concello de Mondariz-Balneario.

 

Na súa visita, a representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou que a oferta da Campaña de Verán deste ano é de 11.500 prazas para a mocidade galega de entre 9 e 30 anos, “o que supón un récord histórico”, remarcou, en referencia a que se ofrecen 300 máis que na anterior edición.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/05/2024