O delegado territorial da Xunta asiste aos actos do 60º aniversario do Colexio Diocesano Pablo VI da Rúa

Manuel Pardo convida aos escolares a asumir un compromiso real co medio ambiente e a sustentabilidade

O delegado territorial subliñou que “coidar o medio ambiente é responsabilidade de todos e os nenos non son unha excepción”

“É fundamental que os nenos comprendan a importancia da sustentabilidade e a preservación dos recursos naturais“, destacou Manuel Pardo

O representante do Goberno galego, participou no acto de plantado dunha árbore emblemática

Manuel Pardo tamén colaborou na posta en liberdade de aves que foron atendidas no Centro de Recuperación de Fauna do Rodicio

Ourense, 23 de maio de 2024

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao concello da Rúa para participar nos actos do 60º aniversario do Colexio Diocesano Pablo VI, que se desenvolveron baixo o lema ‘Ás ao futuro; Raíces dos 60 anos: celebrando os 60 anos de educación’.

O delegado territorial, xunto a alumnos, antigos alumnos e profesores, colaborou no acto de plantado dunha árbore emblemática elixida polo seu simbolismo e lonxevidade, representando o crecemento e fortaleza da institución ao longo de seis décadas. O lugar escollido foi o mesmo onde hai 10 anos xa se plantaran 50 árbores co gallo da reforestación dos montes da contorna.

Manuel Pardo tamén participou na posta en liberdade de aves que foron atendidas no Centro de Recuperación de Fauna do Rodicio, destacando a significación do proceso de solta “como símbolo de liberdade, renovación e esperanza nunha sociedade na que é necesario pór en valor o noso compromiso co medio ambiente e a sustentabilidade”.

“Actos como estes –continuou o delegado territorial- axudan a reforzar o sentimento de pertenza e orgullo a unha comunidade educativa que fomenta os valores de respecto polo medio ambiente e a natureza”. “Entre as distintas xeracións debemos estreitar lazos de convivencia e solidariedade para deixar unha pegada duradeira nas persoas que veñen”, sentenciou.

O delegado territorial subliñou tamén que “coidar o medio ambiente é responsabilidade de todos e os nenos non son unha excepción. Aínda que poidan parecer de pequeno tamaño, o seu compromiso e accións xeran un gran impacto na protección do noso planeta. Estes son algúns aspectos que paga a pena levar a cabo con eles”.

“É fundamental que os nenos comprendan a importancia da sustentabilidade e a preservación dos recursos naturais“ -continuou- e a través da educación e concienciación ambiental, os nenos poden coñecer a importancia das famosas tres R: reducir, reutilizar e reciclar”. Deste xeito, “impulsar prácticas como o aforro de auga, enerxía e consumo responsable permítelles comprender a importancia de conservar os recursos naturais para o futuro”, rematou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/05/2024