Belén do Campo reúnese con Luis Oujo e destaca os investimentos por case 1 M€ realizados pola Xunta neste concello no 2023

A delegada lembrou que a Xunta investirá, este ano, máis de 435.000 euros, na substitución da cuberta e nunha pasarela de acceso ao polideportivo no IES de Porto do Son 

Porto do Son (A Coruña), 23 de maio de 2024

A delegada da Xunta, Belén do Campo, realizou, esta mañá, unha visita institucional ao Concello de Porto do Son para reunirse co seu alcalde, Luis Oujo. No encontro repasaron os proxectos que ten actualmente en marcha a Xunta neste municipio.

 

A representante do Goberno autonómico lembrou que, no 2023, a Xunta investiu máis dun millón de euros en Porto do Son a través das distintas liñas de axudas e realizou importantes obras as melloras do CEIP Santa Irene ou o novo comedor do CEIP de Portosín, a mellora das carpinterías da Casa do Concello ou a posta en valor do lavadoiro na praia de Gafa e camiños de accesos, así como a construción dun muro no noiro.

 

A delegada da Xunta tamén lembrou a actuación prevista no IES de Porto do Son que consiste na substitución da cuberta e unha pasarela de acceso ao polideportivo. Belén do Campo destacou que esta obra supón un investimento de máis de 435.000 euros. No encontro tamén falaron do proxecto do novo CEIP de Portosín. O alcalde comprometeuse a entregar os terreos a finais do verán e a delegada trasladoulle o compromiso da Xunta de axilizar ao máximo todos os trámites para contar con este novo colexio o antes posible. Todas estas actuacións enmárcanse no Plan de Arquitectura Pedagóxica de Galicia para renovar as instalacións educativas adaptándoas ás necesidades do século XXI.

 

Os dous representantes públicas coincidiron na necesidade de seguir reforzando os vínculos locais para contribuír ao desenvolvemento sustentable dos municipios galegos. A súa presenza en Porto do Son subliña a relevancia de entender as necesidades locais directamente dos habitantes e gobernantes locais, buscando sempre manter un diálogo aberto e efectivo.

 

Do mesmo xeito, Belén do Campo e Luis Oujo analizaron as necesidades do concello e comprobaron o resultado de distintas actuacións enmarcadas no ámbito de colaboración da Xunta cos concellos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/05/2024