Lete destaca o Gran Fondo Ézaro como “a rampla máis desafiante do ciclismo nacional” que desta volta contará co campión do mundo, Alejandro Valverde

Destaca a categoría popular desta proba que terá lugar o 7 de xullo e que está aberta a todos os públicos, sendo un evento apto para todas as idades e un escenario onde se mesturan as grandes lendas con ciclistas de todos os niveis

Santiago, 23 de maio de 2024

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na presentación do Gran Fondo Ézaro 2024 que chega á súa novena edición e que terá lugar o vindeiro 7 de xullo coa presenza do gañador da Vuelta a España de 2009 e campión mundial en 2018, Alejandro Valverde. Alí o mandatario galego destacou a proba como a rampla “máis desafiante do ciclismo nacional na que o triunvirato da natureza máis pura formado polo Monte Pindo, o río Xallas e a fervenza do Ézaro se alía cada ano co deporte para construír unha das probas que xa forma parte da mitoloxía galega”.

Lete Lasa falou da importancia de contar cun ciclista de tal importancia como Alejandro Valverde que aos seus 38 anos acadou o maillot multicolor que lle acreditaba como campión do Mundo. Neste sentido lembrou que o ano pasado, o ciclista murciano non puido asistir por un problema de saúde familiar e que, polo tanto, desta volta a ledicia é dobre ao poder contar con Valverde. A súa participación únese á doutros grandes ciclistas que se atreveron con estes 38 metros verticais cunha media de desnivel do 3% entre os que destacan Miguel Indurain, Claudio Chiapucci, Alex Zülle, Tony Rominger, Pavel Tonkov, Marino Lejarreta, Joseba Beloki, Samuel Sánchez, Roberto Heras ou Álvaro Pino, sen esquecernos doutros deportistas que foron os mellores do mundo na súa disciplina -o tríatlon- como Iván Raña ou Javier Gómez Noya.

Sen embargo, o secretario xeral destacou a categoría popular desta proba que está aberta a todos os públicos, sendo un evento apto para todas as idades e un escenario onde se mesturan as grandes lendas con ciclistas de todos os niveis. “O Gran Fondo Ézaro é para todos pero non é para calquera”, dixo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/05/2024