José Ramón Parada participou esta tarde na inauguración do "Parque dos bicos" no Hospital Álvaro Cunqueiro, onde incidiu na aposta da Consellería pola excelencia sanitaria para acadar un sistema “máis humano e accesible”

O xerente do Servizo Galego de Saúde destaca o traballo da Xunta para garantir unha atención integral de calidade aos pacientes oncolóxicos pediátricos

Trátase dun novo espazo de xogo para que as nenas e nenos con tratamento oncolóxico no Hospital de Día poidan recibir as súas terapias ao aire libre e nun ambiente lúdico

A iniciativa xorde da asociación Bicos de Papel e conta co apoio da Xerencia da Área Sanitaria de Vigo

Vigo, 23 de maio de 2024

O Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo conta desde hoxe cun novo espazo lúdico para que nenas e nenos con tratamento oncolóxico que pasan longas xornadas no Hospital de Día teñan un lugar no que poidan recibir ao aire libre as súas terapias.

O Parque dos Bicos, que así se denomina este novo espazo, é unha iniciativa da asociación Bicos de Papel, entidade formada por familias con nenas e nenos que reciben este tratamento no Hospital Álvaro Cunqueiro, e que conta co apoio da Xerencia da Área Sanitaria de Vigo.

Á inauguración desta nova instalación acudiu o xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada Jorgal; así como o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente Prieto, e a presidenta de Bicos de Papel, Milagros Martínez, acompañados por persoal médico e demais persoal sanitario da Unidade de Oncoloxía Pediátrica, ademais doutros membros da directiva da asociación e familiares destas pequenas e pequenos pacientes.

Na súa intervención, o xerente do Servizo Galego de Saúde puxo en valor o traballo da Xunta para garantir unha atención integral de calidade para os pacientes oncolóxicos pediátricos. Incidiu, ademais, na aposta da Consellería por acadar a excelencia sanitaria e un sistema “máis humano e accesible” e na necesidade dunha abordaxe integral da atención dos doentes e das súas familias para acadar maiores niveis de saúde e benestar.

O xerente do Servizo Galego de Saúde lembrou que desde o Executivo galego se está a traballar no desenvolvemento da medicina personalizada ou de precisión, que permite ofrecer aos doentes un tratamento individualizado en función das súas características e o tumor que padece.

José Ramón Parada rematou a súa intervención agradecendo o traballo, esforzo e ilusión que a Asociación Bicos de Papel depositou nesta iniciativa.

Benestar para os cativos

O parque dos bicos atópase nun espazo exterior cedido pola Xerencia da Área Sanitaria para este fin situado no nivel -1 Bloque A do Hospital Álvaro Cunqueiro. Nel instaláronse diferentes equipamentos lúdicos e de xogo, estando adaptado para que os máis pequenos poidan recibir as súas terapias ao aire libre.

Na actualidade, unha media de 13 nenas e nenos de entre 0 e 16 anos de idade reciben terapia oncolóxica a diario no Hospital de Día do centro vigués.

Este é o segundo espazo que se abre produto desta colaboración entre Bicos de Papel e a Xerencia da Área Sanitaria de Vigo no Hospital Álvaro Cunqueiro, tras a inauguración o ano pasado da Aula para Pacientes Oncolóxicos, situada na planta de Pediatría do hospital.

Data de actualización: 23/05/2024