O conselleiro do Mar visita abordo do arrastreiro Falcón

Villares destaca as melloras na habitabilidade e seguridade nos buques galegos e os seus efectos nas condicións de traballo dos profesionais

O titular de Mar subliñou as importantes sinerxías creadas entre as empresas pesqueiras da comunidade e os estaleiros no proceso de modernización da frota contribuíndo ao crecemento económico de Galicia

A Pobra do Caramiñal consolídase como porto de entrada de calamar complementando as descargas de túnidos para proveer de materia prima a industria da conserva e do conxelado da comarca do Barbanza

O responsable autonómico lamentou que só sexa a Xunta quen aporte recursos en apoio do sector marisqueiro cando o Estado dispón de 40 veces máis recursos e amosou o seu escepticismo sobre os efectos da moción aprobada no Senado 

Pobra do Carmiñal (A Coruña), 23 de maio de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, realizou unha visita ao buque arrasteiro Falcón coincidindo coa súa chegada tras cruzar o Atlántico desde Montevideo (Uruguai) para descargar o calamar capturado en augas de Malvinas. Alí o responsable autonómico puido asistir ás operacións de descarga e coñecer de primeira man un dos pesqueiros galegos máis grandes e modernos deseñado e construído no estaleiro de Nodosa. Con 75 metros de eslora e 14 metros de manga, ten preto de 2.000 GT de capacidade e conta con alta tecnoloxía, optimización das capturas, respecto ao medio ambiente así como melloras no confort e seguridade da tripulación.

O titular de Mar, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Coruña, Belén do Campo, destacou o traballo realizado polas empresas pesqueiras nos últimos anos por renovar a súa frota mellorando a habitabilidade e seguridade nos buques repercutindo directamente nas condicións de traballo dos profesionais. Un proceso no que teñen un especial protagonismo os o sector naval galego, xerándose unha importante alianza entre ambas actividades en beneficio do crecemento económico e a xeración de emprego na comunidade.

Por outra banda, o porto da Pobra do Caramiñal estase consolidando como punto de entrada de calamar, complementando a xa asentada descarga de túnidos para proveer de materia prima á potente industria transformadora presente na comarca do Barbanza. Nesta ocasión, o calamar descargado tiña como destino a planta frigorífica Frigonor Coldstore do Grupo Suflenorsa, que iniciou a súa actividade no 2022 e que na actualidade atópase en fase de consolidación da produción na sala de elaborados. Con máis de 8.000 m2 de superficie conta cun elevado grao de eficiencia enerxética grazas a instalación dun parque fotovoltaico na mesma parcela, que fornece o aforro enerxético con procesos máis eficientes e sistemas de xestión que garanten a seguridade laboral. As empresas que conforman o Grupo Suflenorsa recibiron achegas autonómicas desde o 2009 por valor de 7 millóns de euros.

Moción do Senado

Alfonso Villares amosou o seu escepticismo respecto á aprobación dunha moción para que o Goberno central atenda a solicitude da Xunta de declarar como zona catastrófica os bancos marisqueiros afectados polas intensas precipitacións acaecidas en outono e que ocasionou un alto índice de mortaldade nos bivalvos.

O responsable autonómico recordou que, a pesar do apoio dos outros grupos galegos a esta iniciativa, a realidade é que son esas mesmas formacións, que se sitúan detrás da pancarta nas manifestacións, as que por outro lado sustentan ao Executivo estatal. Tamén lamentou que, a diferencia do Goberno galego, o Estado non aporte recursos ante a complexa situación que atravesa o sector marisqueiro a pesar de contar con 40 veces máis recursos que o executivo autonómico.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 23/05/2024