O presidente da Xunta de Galicia mantivo unha reunión en Lisboa co Ministro de Infraestructuras de Portugal

Rueda ratifica co Goberno portugués a prioridade da conexión de alta velocidade Lisboa-Porto-Vigo para o país luso

O presidente autonómico salienta a importancia do nexo de Galicia co Norte do Portugal

Solicítalle ao Goberno español que cumpra os seus compromisos coa destinación dos fondos europeos

Lisboa, 23 de maio de 2024

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda , mantivo hoxe un encontro co ministro de Infraestruturas de Portugal, Miguel Pinto, no que puido ratificar co Goberno portugués a prioridade da conexión de alta velocidade Lisboa-Porto-Vigo para o país luso: “Estou moi tranquilo e moi satisfeito porque o goberno de Portugal confirmounos que mantén esta intención”, destacou Rueda.

Rueda manifestou a súa alegría por manter este encontro, que para el é unha demostración do gran momento de diálogo que mantén Galicia e Portugal. Un diálogo cunha importancia moi grande, por todo o que une aos dous pobos, e recordou todos os beneficios que ten para os dous territorios a conexión de Galicia coa rexión norte de Portugal, precisamente “despois de conseguir esta mesma semana o tren de alta velocidade que conecta as principais cidades galegas desde Madrid”, salientou.

Ademais, aproveitou para pedirlle ao Goberno español que cumpra os seus compromisos coa destinación dos fondos europeos para poder compatibilizar os avances a ambos lados da fronteira: “O que toca agora é dicir que todos os trámites deben acelerarse. Cada mes que pase é imprescindible”, sinalou.

Por último, Alfonso Rueda agradeceulle ao Ministro de Infraestruturas de Portugal o encontro, e valorou todo o que puideron tratar: “falamos doutros temas de interese e quedouse aberto unha canle de comunicación moi importante respecto a infraestruturas da Xunta que se desprazan ata a fronteira portuguesa”, finalizou o presidente.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/05/2024