Lete pon en valor a traxectoria de Golán como “patrimonio do deporte galego” no Foro Tech no que tamén participaron Edurne Pasabán e Toni Nadal

Sinala a “gran sorte do squash galego e dos novos valores” de que toda a experiencia de Golán poida estar ao seu servizo no Núcleo de Adestramento Deportivo Especializado da Federación Galega de Squash 

Santiago, 23 de maio de 2024

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou no serán de hoxe no ‘Foro Tech Deporte&Empresa’ que ten como obxecto explorar a transición dos deportistas de alto rendemento cara ao ámbito empresarial, utilizando as súas experiencias e aprendizaxes para impulsar o emprendemento e promover a educación continua. Neste sentido, o evento contou con destacadas personaxes do deporte e do ámbito empresarial como Edurne Pasabán, Toni Nadal ou Borja Golán. 

O mandatario galego puxo en valor a traxectoria de Borja Golán que anunciou a súa retirada do deporte profesional o pasado ano 2023 tras acadar dous títulos continentais e 17 nacionais polos que é recoñecido como o mellor xogador de squash español de toda a historia. Borja Golán, que foi o único xogador nacional que chegou ao Top 10 do squash mundial (chegou a estar no quinto posto) recibiu das mans de Lete Lasa unha placa homenaxe á súa carreira. Lete Lasa agradeceu ao xogador compostelán unha carreira que xa forma parte do “patrimonio do deporte galego” e sinalou a “gran sorte do squash galego e dos novos valores” de que toda a experiencia de Golán poida estar ao seu servizo no Núcleo de Adestramento Deportivo Especializado da Federación Galega de Squash que dirixe o propio Golán na súa academia do Milladoiro.

Precisamente esta posibilidade de aproveitar todos os coñecementos e os valores aprendidos durante a etapa deportiva e de valor “incalculable” é o que une a Borja Golán coa primeira muller en ascender os catorce oito miles, Edurne Pasabán, e co que foi adestrador durante 27 anos de Rafael Nadal, Toni Nadal, que tamén achegan o seu saber aos máis novos, a primeira a través do seu papel como conferenciante nacional e internacional e, o segundo, como director técnico da Rafa Nadal Academy.

O secretario xeral acentuou a importancia dos patrocinios privados, como demostra o Plan de Patrocinio que a Xunta mantén con ABANCA e que acada os 3,7 millóns de euros por tempada e, sobre todo, do acompañamento dos deportistas nese paso crucial do alto nivel deportivo á formación ou a outras actividades laborais, como realiza o Goberno galego co Programa de Axuda ao Deportistas (Proade).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/05/2024