Martina Aneiros anima a vivir esta fin de semana en Equiocio 2024 a “auténtica festa do deporte ecuestre”

A delegada territorial da Xunta en Ferrol participou esta mañá na presentación da 33ª edición do certame hípico que terá lugar do 1 ao 4 de agosto no campo das Cabazas

Ferrol, 30 de xullo de 2024

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá na presentación oficial da 33ª edición de Equiocio que se desenvolverá do 1 ao 4 de agosto no campo das Cabazas, en Covas. Un evento deportivo que se ten convertido “nunha auténtica festa do deporte ecuestre”, da que resaltou “a paixón, a destreza e o espírito competitivo de xinetes e cabalos”.

Na súa intervención, Aneiros apuntou á evolución que o certame, que conta un ano máis co respaldo da Xunta de Galicia, ten experimentado nos últimos tempos, “mantendo sempre a súa esencia e valores fundamentais: a paixón polos cabalos, o respecto á natureza e o impulso ao deporte como unha ferramenta de desenvolvemento persoal e social”. Destacou tamén a súa aportación á dinamización da economía local, á atracción de visitantes e ao reforzo á identidade cultural da cidade.

A delegada territorial lembrou, ademais, o compromiso do Goberno galego “co apoio e a promoción de actividades que fomenten o deporte, a cultura e o turismo na nosa rexión” e puxo en valor a importancia da colaboración entre as institucións públicas e privadas para a realización de eventos desta magnitude, “que promoven o desenvolvemento da nosa comunidade”.

Concluíu agradecendo o traballo e dedicación dos organizadores do certame e animando a veciños y visitantes a achegarse esta fin de semana a “vivir a emoción das competicións” e celebrar “esta auténtica festa do deporte e a convivencia”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/07/2024