A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, e o director xeral de Violencia de Xénero, Roberto Barba, reuníronse hoxe con responsables da entidade

A Xunta apoia os programas da Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia para fomentar a igualdade e combater a violencia de xénero

O Goberno galego mantén abertas varias liñas de colaboración con esta asociación, galardoada recentemente cunha das medallas Emilia Pardo Bazán

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2024

A Xunta estuda abrir novas liñas de colaboración coa Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (Acadar), entidade que leva 15 anos traballando pola plena inclusión e a igualdade efectiva de oportunidades das mulleres con discapacidade. A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, e o director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, reuníronse esta mañá con responsables de Acadar co fin de analizar algúns dos programas que esta asociación ten en marcha e que contan co apoio económico das súas áreas.

Así, o Goberno galego concede axudas á entidade para fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres, previr combater as agresións machistas e poñer en marcha distintas iniciativas como o programa ‘Enrédate’, dirixido a mulleres en situación de vulnerabilidade ou a guía “Violencia sexual dixital cara ás nenas e mulleres con discapacidade”. A Xunta tamén contribúe ao mantemento do servizo ‘Dedaleira’ que desenvolve a asociación e que se centra en tarefas de información e asesoramento afectivo-sexual.

Por outra parte, María Quintiana e Roberto Barba felicitaron a Acadar pola recente concesión dunha das medallas Emilia Pardo Bazán. Con este galardón, a Xunta recoñece as accións desta asociación na defensa da igualdade de dereitos e oportunidades entre mulleres e homes no seu papel como única entidade específica de mulleres con discapacidade de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/08/2024