A conselleira de Política Social e Igualdade visitou esta mañá estas instalacións nas que se atende a maiores de Mos e da contorna

Fabiola García destaca o apoio da Xunta de Galicia ao centro de día ‘O Son do Regueiro’ de Torroso

O Goberno galego investiu 800 mil euros neste centro que conta con 45 prazas e servizo de enfermería e ximnasio, entre outras prestacións

Mos (Pontevedra), 1 de agosto de 2024

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañada da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, visitou esta mañá o Centro de Día ‘O Son do Regueiro’ na parroquia de Torroso. A Xunta de Galicia investiu máis de 800 mil euros nestas instalacións para a atención dos maiores deste concello e da súa contorna. O centro conta con servizo de enfermería, ximnasio, sala de actividades, sala de usos múltiples e cociña, entre outras prestacións.

Fabiola García destacou o apoio do Goberno galego para a posta en marcha e o funcionamento destas instalacións. Unha actuación que se enmarca na aposta da Xunta por achegar servizos públicos de calidade a todas as vilas galegas e, en concreto, a aposta polo envellecemento activo e a atención aos maiores a través de espazos coma este, que lles permiten recibir os coidados que necesitan sen abandonar a súa contorna de toda a vida.

A conselleira lembrou que, no caso do concello de Mos, a aposta do Goberno galego tamén se traduce no apoio á conciliación das familias, con 330 prazas en Escolas Infantís financiadas pola Xunta, e agora, durante o verán, co investimento de 135.000 euros para a celebración dun campamento con máis de 170 rapaces no marco do Plan Corresponsables. En canto a discapacidade, a Xunta financia 200 prazas en centros especializados e unha unidade de atención temperá con case 270 usuarios.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/08/2024