A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, participou hoxe nun xantar-coloquio organizado pola Confederación de Empresarios de Galicia

A Xunta reclama ao Goberno central planificación e axilidade na asignación e execución dos fondos europeos

Pide unha cogobernanza real coas comunidades autónomas e que estas axudas vaian acompasadas ás necesidades do tecido empresarial

Avoga por converter Galicia nun polo de atracción industrial na Península e por impulsar unha industria de alto nivel tecnolóxico e innovador

Destaca o acompañamento que ofrece o Goberno galego ás empresas a través da Oficina Económica de Galicia, que atende unhas 1.000 consultas ao mes desde a súa posta en marcha en abril

Remarca que o obxectivo é desenvolver unha política industrial integrada e responsable

Baiona (Pontevedra), 2 de agosto de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, volveu reclamar hoxe ao Goberno central unha mellor planificación dos fondos europeos, maior axilidade na súa asignación e execución e unha cogobernanza real coas Comunidades Autónomas.

Na súa intervención nun xantar-coloquio organizado pola Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Lorenzana criticou que catro anos despois de ser anunciados existe unha desconexión entre as necesidades do tecido empresarial e o deseño dos Perte.

Así, a conselleira subliñou que Galicia é, a día de hoxe, a única comunidade autónoma que leva executado máis de tres cuartas partes dos fondos asignados e alertou novamente de que é necesario acompasar estas axudas ás verdadeiras necesidades do tecido produtivo e aos tempos de execución dos proxectos.

Neste sentido, puxo en valor o compromiso da Xunta por facer de Galicia un polo de atracción industrial na Península e destacou que, para iso, o Goberno galego está a ofrecer a máxima axilidade administrativa e medidas de apoio ao tecido produtivo para seguir crecendo e creando emprego de calidade.  “É necesario reducir a burocracia, facilitar os trámites administrativos e achegar a Administración ás empresas”, dixo, como a Xunta está a facer dándolles o acompañamento necesario a través da Oficina Económica de Galicia, dependente do Igape. “Desde a súa posta en marcha no mes de abril, atende unhas 1.000 consultas ao mes”, apuntou.

En liña con isto, Lorenzana destacou que o obxectivo do Goberno galego é desenvolver unha política industrial integrada e responsable para facer un aproveitamento sustentable dos recursos naturais, impulsando unha industria de alto nivel tecnolóxico e innovador. Ao respecto, mencionou que se está traballando nos plans directores para os sectores estratéxicos de Galicia -como o do naval e a automoción cuxos borradores xa se presentaron- para o desenvolvemento dun mapa industrial de Galicia.

“Non nos imos deter á hora de defender os intereses de Galicia e por iso vimos realizando un impulso de proxectos industriais e, concretamente, de proxectos que identificamos como estratéxicos ou que se están tramitando través do Plan de impulso e aceleración de proxectos industriais”. “E vimos de regular o solo público empresarial gratuíto durante os oito primeiros anos”, dixo.

Lorenzana subliñou que o obxectivo da Xunta é ofrecer axilidade, facilidades nos procedementos, e acompañamento para converter Galicia nunha comunidade atractiva para as empresas que xa están instaladas e tamén para os novos investimentos.

Data de actualización: 02/08/2024