A conselleira do Medio Rural reuniuse con responsables da Asociación Forestal de Galicia co seu presidente, Antonio Rigueiro, á cabeza, e con outros representantes sectoriais
A Xunta apoia a demanda do sector forestal galego ao Goberno central a prol da mellora da súa fiscalidade
María José Gómez sinalou que, en liña co desenvolvemento do Plan Forestal, o que se persegue é unha fiscalidade que permita valorizar os investimentos e o aproveitamento do monte galego, algo que xera beneficio económico e favorece a prevención do lume e a remuda xeracional
Os impostos cedidos de titularidade autonómica xa presentan unha serie de bonificacións e beneficios fiscais aplicables ao sector forestal, pero o problema son os de competencia exclusiva do Estado
Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2024
A Xunta apoia a demanda do sector forestal galego diante do Goberno central a prol da mellora da fiscalidade para este eido produtivo clave do rural galego en impostos que son competencia exclusiva do Estado, como poden ser o IRPF, o de Sociedades ou o IVE. Así o manifestou hoxe a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, tras reunirse con responsables da Asociación Forestal de Galicia encabezados polo seu presidente, Antonio Rigueiro. No encontro tamén participaron representantes da Unión Empresarial de la Madera y el Mueble de España (Unemadera) e da Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga).
Na xuntanza, na que tamén tomou parte o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, púxose en valor o traballo conxunto que vén realizando dende hai tempo a Xunta cos representantes do sector para que se poida presentar unha proposta ampla e ambiciosa, neste sentido, perante o Ministerio de Hacienda. Unha proposta que, tal e como lembrou a conselleira, está liderada polo sector en liña co desenvolvemento das medidas xa recompiladas no Plan Forestal de Galicia, aprobado en 2021.
Documento sectorial
Ademais, tamén se enmarca no documento sectorial, xa elaborado con anterioridade, de “Propostas para potenciar a sustentabilidade económica das explotacións forestais en Galicia”, onde se recollen iniciativas para lograr un marco fiscal máis xusto e equilibrado para a actividade silvícola. En base a todo isto, as agrupacións sectoriais a nivel nacional, que engloban os colectivos autonómicos galegos agrupados en Juntos por los Bosques, e co apoio de Greenpeace e WWF, presentarán en setembro próximo o documento de Mejora de la Fiscalidad Aplicable a la Actividad Selvícola ao Congreso dos Deputados. Esta proposta está sendo presentada aos diferentes gobernos autonómicos, como se fixo hoxe coa Xunta.
Neste mesmo sentido, cómpre recordar que os impostos cedidos de titularidade autonómica xa presentan, en maior ou menor medida, unha serie de bonificacións e beneficios fiscais aplicables ao sector forestal. Tal é o caso, por exemplo, das deducións aplicables ás transmisións de solo rústico ou na cota íntegra de actos xurídicos documentados. O problema son aqueles de titularidade exclusiva do Estado.
Entre as cuestións nas que o Estado pode intervir está, por exemplo, conseguir unha maior flexibilidade fiscal no IRFP para aqueles profesionais que, non dedicándose á actividade agrícola, si fan aproveitamento forestal. Actualmente, estas persoas teñen que tributar no Réxime de Estimación Directa por ter outra actividade económica neste réxime, o que, á larga, non lles resulta nada rendible.
En todo caso, a proposta da mellora da fiscalidade que emana do sector é extensa e ambiciosa. O que se persegue, en definitiva, é poder ter unha fiscalidade que permita valorizar os investimentos e o aproveitamento do monte galego. Algo que significa apostar pola produtividade territorial, que redunda nunha maior prevención contra os incendios, así como apostar pola remuda xeracional no campo.