A Xunta autoriza a licitación da rehabilitación do edificio dos antigos xulgados de Vigo para destinalo a entidades sociais da cidade cun importe de 19,4 M€

Tal e como sinalou o presidente do Executivo autonómico, Alfonso Rueda, prevese que as obras comecen “antes de que finalice o ano” cun prazo de execución máximo de 16 meses

O obxectivo é “darlle unha segunda vida ao servizo da cidade”, prestando servizo ás asociacións e entidades sociais da cidade

O proxecto foi deseñado polo arquitecto Alfonso Penela, gañador do concurso de ideas convocado polo Goberno galego a finais de 2022

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2024

O Consello da Xunta aprobou hoxe o proxecto de acordo polo que se autoriza a contratación das obras de rehabilitación do edificio dos antigos xulgados de Vigo, situado na rúa Lalín, por importe de 19,4 millóns de euros. Tal e como sinalou o presidente do Executivo autonómico, Alfonso Rueda, o obxectivo é “darlle unha segunda vida ao servizo da cidade”, destinándoo a asociacións e entidades sociais da cidade, ao igual que se fixo con outras instalacións autonómicas como o edificio da rúa Benito Corbal en Pontevedra ou o Espazo Amizar na Coruña.

Cóbrese así, segundo sinalou Rueda, “unha carencia detectada no Concello de Vigo posta de manifesto por moitas asociacións”. A obra licitarase mediante procedemento aberto tras a aprobación o pasado mes do proxecto de rehabilitación presentado polo arquitecto Alfonso Penela, gañador do concurso de ideas convocado pola Xunta a finais de 2022. Prevese que as obras comecen “antes de que finalice o ano” e que se prolonguen un máximo de 16 meses. O financiamento da actuación enmárcase no Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder Galicia 2021-2027).

A través da recuperación do edificio e da súa posta á disposición das entidades sociais da cidade para a súa ocupación temporal, a Xunta contribúe a mellorar a calidade de vida local e fomentar e dinamizar o asociacionismo. As entidades disporán dunha superficie construída de case 13.000 metros cadrados distribuídos en seis plantas, unha entreplanta, un baixo e dúas plantas de soto.

Integración na contorna e accesibilidade

Segundo o proxecto, prevese levantar dúas plantas do chan coa creación dun grande atrio na área da entrada. Búscase así mellorar a integración na contorna. Tamén se facilitará a accesibilidade mediante a retirada do aparcadoiro exterior e a rebaixa do terreo para que quede en continuidade coa planta baixa. Isto permitirá tamén crear un espazo verde.

O baixo terá carácter multifuncional, cunha sala de exposicións, cafetería, hemeroteca e un auditorio con cabida para 400 persoas. Contará tamén cunha sala de lactación para facilitar a conciliación tanto das persoas traballadoras como usuarias. Pola súa banda, as oficinas xerais ocuparán a entreplanta.

En cada un dos cinco primeiros andares distribuiranse 20 estancias para asociacións e entidades sociais, unha sala polivalente, outra de reunións e unha máis de ensaio. A sexta planta, unida á anterior, configúrase como zona de office-cafetería, con terrazas axardinadas no exterior. Sobre esta superficie haberá unha cuberta que permite a colocación de paneis fotovoltaicos na busca da máxima autonomía enerxética. Por último, os sotos destinaranse a aparcadoiro, arquivo e cuartos de instalacións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/08/2024