A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, informou hoxe desta actuación que favorecerá a mobilidade segura e sostible nesta contorna
A Xunta licita as obras de mellora da seguridade da estrada PO-531 en Campañó, no concello de Pontevedra, cun investimento total de máis de 862.000 €
María M. Allegue destacou que a Xunta prevé comezar estas obras na vindeira primavera
A actuación contribuirá á mellora de seguridade, especialmente para os peóns, no tramo entre a PO-310 e o cruce coa variante norte de Poio (VG-4.8)
Transformarase en glorieta a intersección en “T” situada no quilómetro 3+200 desta vía, na súa conexión coa estrada PO-310
Executaranse sendas peonís en ambas as marxes da estrada para facilitar desprazamentos a pé máis seguros
Acondicionarase a intersección de acceso ao CEIP Campañó, habilitaranse nesta contorna dúas zonas de aparcadoiro e melloraranse as paradas de autobús
Pontevedra, 7 de agosto de 2024
A Xunta licita as obras de mellora de seguridade da estrada PO-531 ao paso pola parroquia de Campañó, en Pontevedra, que suporán un investimento total de 862.000€.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, informou sobre a citada actuación, cuxa contratación recolle hoxe a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia. As empresas interesadas poden presentar as ofertas ata o 2 de setembro.
María M. Allegue destacou que a Xunta prevé comezar estas obras na vindeira primavera e desenvolvelas nun prazo de execución de 8 meses.
As actuacións desenvolveranse no treito da PO-531 entre o cruce coa estrada PO-310 e o cruce coa variante norte de Poio (VG-4.8) co obxectivo de contribuír á mellora de seguridade, especialmente para os peóns.
Trátase dun conxunto de actuacións deseñadas para mellorar a mobilidade na parroquia de Campañó, contribuíndo a unha convivencia harmónica entre os desprazamentos dos peóns e a circulación dos vehículos.
Por unha parte, a conselleira subliñou que para reforzar a seguridade dos peóns executaranse sendas peonís en ambas as marxes da estrada PO-531, entre a nova glorieta e a rotonda da VG-4.8.
Por outra parte, concretou que se transformará en glorieta a intersección en “T” situada no quilómetro 3+200 desta vía, na súa conexión coa estrada PO-310. Acometerase unha rotonda cun diámetro exterior de 30 metros e un diámetro interior de 8, con dous carrís e dúas beiravías.
Ademais, procederase ao acondicionamento da intersección na marxe esquerda no punto quilométrico 3+450, de acceso ao colexio CEIP Campañó. Tamén se habilitarán neste punto dúas zonas de aparcadoiro, nas proximidades da estrada PO-531.
Segundo sinalou a conselleira, para acadar un proxecto integral acondicionaranse as paradas de autobús existentes, incluíndo a instalación de refuxios.
A conselleira detallou esta actuación aos veciños de Campañó, cos que mantivo unha reunión. Fixo fincapé en que esta intervención permitirá ofrecerlles unha contorna cómoda e segura que mellore, por tanto, a súa calidade de vida.