O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o procedemento que regula a concesión das axudas para esta iniciativa
A Xunta abre o prazo para que entidades e concellos se adhiran ao ‘Xuventude Mentoring na Empresa’
A través do programa destínanse 1,5M€ para estadías formativas en empresas para a mocidade de 18 a 30 anos
O obxectivo da iniciativa é mellorar a capacidade profesional e as oportunidades laborais das persoas participantes
Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2024
A Xunta abre ata o 9 de setembro o prazo para que entidades e concellos presenten, a través da sede electrónica da Administración autonómica, as súas solicitudes para acollerse ao programa Xuventude Mentoring na Empresa. A convocatoria desta segunda edición, que ven de ser publicada no Diario Oficial de Galicia, ofrece á mocidade estadías formativas de ata catro meses en empresas ou entidades públicas ou privadas vinculadas a sectores económicos estratéxicos de Galicia. Trátase dunha iniciativa que pretende mellorar as súas posibilidades de incorporación ao mercado laboral.
O Goberno galego destina 1,5M€ a esta nova proposta, financiada nun 60% pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027. O Xuventude Mentoring na Empresa ten como finalidade reforzar tanto a empregabilidade como as habilidades e competencias profesionais de mozos e mozas con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos e que se atopen inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. Neste senso, cómpre lembrar que esta segunda edición incrementa a duración das estadías e o orzamento respecto á convocatoria anterior.
As propostas que presenten as entidades e concellos deberán contar cun mínimo de 10 e un máximo de 25 persoas mozas participantes e a estadía formativa destas será de catro meses consecutivos, cunha duración mínima de 100 horas ao mes e un mínimo de catro días á semana. O importe máximo da subvención que se concederá a cada entidade para poñer en marcha o seu proxecto formativo é de 140.000€.
As persoas participantes recibirán unha bolsa dun mínimo de 661,5€ ao mes e contarán cun plan formativo en habilidades e competencias para o emprego impartido pola entidade beneficiaria da subvención.
As empresas ou entidades públicas ou privadas que acollerán ás persoas en prácticas estarán vencelladas a sectores estratéxicos na Comunidade como son a aeronáutica, a agroalimentación, a biotecnoloxía, a automoción, as enerxías renovables, o naval, o téxtil, as tecnoloxías da información e da comunicación ou o que ten que ver coa calidade de vida e benestar.