Lara Meneses erixe “un verán activo e educativo” con máis de 1.100 prazas de campamento na provincia de Ourense

A directora xeral de Xuventude convida á cativada a “aproveitar ao máximo todas as actividades das que dispoñen para xerar recordos inesquecibles e xerar lazos sociais”

Meneses visita os campamentos ‘Supervivencia’ en Bande e ‘Teatro e aventura na natureza’ en Entrimo

Trátase dunha das modalidades do programa ‘Modo Verán Activo’, que este ano aumentou en 300 as súas prazas, ata as 11.932 en toda a Comunidade, a maior cifra da historia

Bande (Ourense), 23 de xullo de 2026

A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, puxo hoxe en valor “o éxito dun verán activo e educativo no que cativada e familias contan con oportunidades únicas para desfrutar desta época estival mediante unha infinidade de experiencias e aprendizaxes”. Fíxoo na súa visita aos participantes do campamento Supervivencia en Bande, unha das propostas da campaña de verán da Xunta na provincia de Ourense, na que conta con 1.136 prazas.

Neste senso, a representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, convidou á cativada a “aproveitar ao máximo todas as actividades das que dispoñen para xerar recordos inesquecibles e xerar lazos sociais”. Ademais, fixo fincapé na aposta da Xunta de Galicia por “continuar a mellorar a oferta de verán, coa que este ano chegamos a 11.932 prazas, a maior oferta da historia.

Así, as instalacións do Albergue de Bande acollen este verán o campamento Supervivencia, que congregará a 128 rapaces en catro quendas ata o 13 de agosto. Os participantes poderán participar en actividades de supervivencia e aventura, como técnicas de operación, cartografía e nudos ou tallas de madeira; ambientais, deportivas e outras propostas.

A representante de Xuventude do Goberno galego aproveitou tamén para saúdar aos participantes no campamento Teatro e aventura na natureza no Albergue Penedos de Xacinto en Entrimo (Ourense), onde visitou a segunda quenda das catro totais coas que conta esta iniciativa e que ofrece un total de 400 prazas. Deste xeito, a cativada pode realizar actividades de teatro, deportivas, de aventura, saídas e outras propostas na natureza.

Un verán con actividades ata os 30 anos

A maior oferta da campaña Modo Verán Activo correspóndese coa modalidade de campamentos, destinados a nenos e nenas de entre 9 e 17 anos, e que este ano conta con 8.050 prazas repartidas en 36 instalacións. Compleméntase cos minicampamentos Coñece Galicia unha modalidade que permite ofrecer unha proposta lúdico formativa en espazos naturais cunha duración de cinco días, que este ano chegan ás 876 prazas. Tamén se lle dá continuidade ao paquete de actividades de ocio educativo, alternativo e saudable para persoas de 18 a 30 anos, que ofrece 160 prazas, e aos campos de voluntariado, destinados a persoas maiores de 18 anos, que incrementan as súas prazas nesta convocatoria ata as 815 entre Galicia, outras Comunidades Autónomas e o estranxeiro.

Ademais desta oferta directa, con 1.270 prazas a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude tamén inclúe na súa campaña de verán o uso das instalacións xuvenís por parte de asociacións, entidades prestadoras de servizos á mocidade, escolas de tempo libre, corporacións locais e outras entidades públicas ou privadas que leven a cabo plans relacionados cos mozos e mozas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/07/2026