A Xunta fomenta que a mocidade de máis de 18 anos participe en actividades de lecer saudable a través dos seus campamentos
A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, visita Aventuras en Cabana, que se celebra en Cabana de Bergantiños con persoas inscritas ata os 30 anos de idade
Ofértanse cinco programas con 200 prazas en diferentes puntos de Galicia e inxírense na Campaña de Verán da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Cabana de Bergantiños (A Coruña), 9 de agosto de 2024
A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, achegouse hoxe en Cabana de Bergantiños (A Coruña) a Aventuras en Cabana, un dos cinco campamentos dirixidos especificamente ao tramo de idade de entre 18 e 30 anos, e sobre os que salientou que foron recuperados este ano polo Goberno galego “para que a mocidade desta franxa de idade conte con propostas alternativas de lecer saudable”.
Lara Meneses lembrou que estes campamentos forman parte da campaña O teu mellor verán da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e precisou que, no caso concreto desta actividade, ofrécense 200 prazas para poder gozar de propostas de ocio alternativo. Deste xeito, as persoas que sobrepasen a maioría de idade están a ter á súa disposición, desde o pasado mes xullo e durante todo agosto, cinco instalacións diferentes nas que desenvolver rutas, actividades artísticas, acuáticas ou de multiaventura.
A directora xeral de Xuventude precisou que, ademais das que se ofrecen neste albergue de Cabana de Bergantiños, estas actividades tamén se desenvolven no campamento A Devesa en Ribadeo, albergue xuvenil de Allariz, albergue Montañas de Trevinca en A Veiga e complexo Cemar en Mondariz Balneario.
A representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salientou que, desta forma, o Goberno galego “dá un paso máis” coa súa Campaña de Verán, que incluía campamentos orixinariamente destinados a mozos e mozas de 9 a 17 anos, ofrecendo a posibilidade de que a xuventude galega empregue o seu tempo de lecer estival en actividades de educación non formal de carácter lúdico, cultural, deportivo e formativo.
Referente en todo o Estado
Lara Meneses fixo fincapé en que a Campaña de Verán da Xunta supón un recurso de conciliación da vida familiar e laboral, “sendo un referente en todo o Estado polo alto nivel das súas actividades”. “Así é que se converteu en destino preferente tanto para a mocidade galega como doutras comunidades autónomas e do estranxeiro”, aseverou.
No caso concreto deste ano ofertáronse un total de 11.533 prazas, o que supón a maior oferta da historia destas actividades de verán que dependen da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
As opcións abranguen campamentos para mozos e mozas de entre 9 e 17 anos, actividades para maiores de 18 anos, minicampamentos, campos de voluntariado, o programa Conecta con Galicia para a mocidade galega no exterior e o uso das instalacións xuvenís xestionadas pola Xunta. Ademais, entre as novidades deste ano, está a oferta de novas propostas tanto nos campamentos como nos campos de voluntariado.