O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración participou hoxe no evento da localidade ourensá
A Xunta destaca o potencial do polbo como xerador de riqueza e emprego na 62ª ‘Festa do pulpo do Carballiño’
Sinalando que o polbo forma parte da nosa identidade, José González aludiu á súa importancia cultural en multitude de romarías a través do tradicional labor das polbeiras
Nesa liña, aludiu á Gran Romaría Galega do Centro Galicia de Bos Aires á que asistiu no marco da súa viaxe institucional á Arxentina e ao Uruguai e tivo unha mención especial para os emigrantes que seguen apostando pola terra máis aló das fronteiras
O Carballiño (Ourense), 11 de agosto de 2024 O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou hoxe na 62ª Festa do pulpo do Carballiño, onde destacou o potencial do produto na vila e comarca ourensás como “xerador de riqueza e emprego”.
Sinalando que o polbo forma parte da nosa identidade, o conselleiro aludiu á súa importancia cultural en multitude de romarías a través do labor das polbeiras, as que cualificou como referentes económicos desta contorna. Así, quixo ter unha lembranza para todas as familias que potencian cada día este sector.
Así mesmo, neste contexto tivo unha mención especial para a Gran Romaría Galega do Centro Galicia de Bos Aires á que asistiu hai un par de semanas, no marco da súa viaxe institucional á Arxentina e ao Uruguai.
Festas coma esa máis aló das nosas fronteiras ou como a que hoxe se celebra no Carballiño -segundo asegurou- falan da nosa terra e o mesmo se pode dicir do polbo. Unhas realidades que -apuntou- coñecen ben os emigrantes que noutrora marcharon de comarcas como as ourensás e que na actualidade “volven con forza, chamados por unha Galicia convertida en terra de oportunidades”.
Así, o titular de Emprego quixo lembrarse na súa intervención de todos eses galegos do exterior que seguen celebrando festas e apostando pola terra alá onde se atopen, con pratos de referencia como o polbo ou con viños como os do Ribeiro, en alusión á denominación de orixe vitivinícola homenaxeada nesta edición número 62 do evento.