O festival ‘Mar Aberto’ culmina esta fin de semana no Castelo de San Felipe en Ferrol nunha edición que contou coa participación de preto de 2.000 persoas
Pamela Rodríguez, _juno, Lua de Santana e María José Llergo actuarán na última cita deste ciclo musical organizado por Turismo de Galicia
Ferrol recolle a testemuña de Muxía e Ribeira, que tamén acolleron cadanseu concerto nos Faros de Corrubedo e Punta da Barca con todo completo
Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2024
O Castelo de San Felipe, en Ferrol, prepárase para acoller esta fin de semana o último concerto do festival Mar aberto, concertos na fin da terra, organizado por Turismo de Galicia, que ten xa todas as reservas completas. O ciclo que enche a oferta turística do verán galego pecha este ano cun éxito de público tras contar coa participación de preto de 2.000 persoas. Comezou a finais do mes de xullo en Ribeira, no Faro de Corrubedo, e tras celebrarse tamén no Faro Punta da Barca de Muxía, chega agora a Ferrol onde se desenvolverá hoxe venres e sábado 10 coas actuacións de Señora dj, Pamela Rodríguez, _juno, Rapariga dj, Lua de Santana e María José Lllergo. O festival ten como nota común a celebración en lugares patrimoniais de Galicia, sumándose así ás propostas turísticas destes territorios e incrementando a oferta destas vilas durante o verán.
A apertura de portas será hoxe venres ás 19,30 horas e ás 20,15 horas comezará o espectáculo musical da man de Señora dj, dando pé así a unha experiencia única no marco de excepción como é o Castelo de San Felipe. Ás 20,45 horas continuará coa actuación da artista peruana, residente en Galicia, Pamela Rodríguez para logo, sobre as 21,45 horas, dar paso a actuación da banda _juno, integrada por Zahara e Martí Perarnau. Rematado o concerto, unha última sesión de Señora dj porá o punto final ás 00,15 horas. A organización pon a disposición dos asistentes un servizo de autobuses que sairán ás 23.15 horas e ás 00.15 cara o Porto de Curuxeiras, en Ferrol.
O espectáculo continuará o sábado 10 de agosto coas actuacións de Rapariga dj, a artista galega brasileira Lua de Santana e a cantante andaluza María José Llergo. O espectáculo continuará ata as 00,15 horas con Rapariga dj e tamén haberá un servizo de autobuses que sairán do Castelo ás 23,15 e ás 00,15 horas ao porto de Curuxeiras.
Oferta turística
Mar aberto, concertos na fin da terra é unha proposta diferenciada que cumpre a súa cuarta edición e ten lugar en lugares de valor da cultura e da xeografía galega. Trátase de concertos con propostas artísticas deseñadas para cada marco onde se celebran de forma que a música se fusiona con espectaculares postas de sol sobre o Atlántico, dando lugar así a unha perfecta combinación de patrimonio, paisaxe, cultura, gastronomía e música que non deixa de sorprender ao público.
O público puido gozar de todo este programa totalmente de balde. Cabe salientar o éxito do festival reflectido na reserva anticipada destas entradas, cubríndose o aforo no 100% de todos os concertos. No caso da cita no Castelo de San Felipe, as entradas levan días xa esgotadas. Non obstante, pódese consultar o programa detallado do concerto na web www.festivalmaraberto.com.