Os portos de Galicia recibiron na primeira metade do verán preto de 1.800 barcos en tránsito que xeraron un volume de negocio de 2,2 M€

Natalia Botana visitou o peirao deportivo de Muros que foi o que recibiu máis turistas náuticos neste período

Muros (A Coruña), 11 de agosto de 2026

Os portos autonómicos de Galicia recibiron durante a primeira metade do verán preto de 1.800 embarcacións en tránsito, que xeraron uns ingresos no sector auxiliar vinculado á náutica de recreo nas vilas mariñeiras de case 2,2 millóns de euros. Así o comunicou esta mañá a presidenta de Portos de Galicia, Natalia Botana, nunha visita ao porto de Muros, que foi o que máis barcos transeúntes rexistrou durante os meses de xuño e xullo. 

Botana Rey explicou que, segundo os datos rexistrados polos xestores dos portos deportivos autonómicos, no que vai de verán atracaron nos 30 portos deportivos que xestiona a Xunta de Galicia 1.778 barcos de turistas náuticos. O porto de Muros foi o que máis tránsitos recibiu, cun total de 230: 124 no mes de xullo e 106 en xuño. Séguenlle Viveiro, con 205 e Combarro (Poio), con 204. 

Tal como indicou a presidenta de Portos, estas cifras mantéñense en parámetros moi similares ao ano pasado e confirman o auxe do turismo náutico en Galicia desde a pandemia. “Estamos polo tanto a fidelizar a chegada de tránsitos e, tal como trasladan os xestores náuticos que os acollen, estanse a ampliar as estancias, chegando a media de pernoctas a case 6 noites”, explicou. 

As asociacións de náutica de Galicia, coas que Portos de Galicia mantén estreita comunicación, cifran en 4 pasaxeiros e 50 euros por pasaxeiro e día a media de gasto dos turistas náuticos que chegan á comunidade. Dese modo estímase un volume de negocio xerado no entorno directo dos turistas náuticos neste principio de verán duns 2,2 millóns de euros.

Finalmente, Natalia Botana insistiu en poñer en valor o esforzo dos xestores dos portos deportivos e ratificar o a plena disposición da Xunta de Galicia a colaborar con eles para continuar incrementando a calidade das instalacións e os servizos e facer da calidade o sinal de identidade da náutica galega, a nivel nacional e internacional.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/08/2026