Xosé Merelles presentou a oferta turística galega ante un grupo de xornalistas e axentes profesionais no marco da feira Orticolario
Galicia afianza a súa posición como destino premium en Italia
Nos oito primeiros meses do ano, o número de viaxeiros italianos aloxados en Galicia aumentou un 33% e o de peregrinos un 66%, o que sitúa este mercado no terceiro posto en visitantes internacionais e no segundo en peregrinos estranxeiros
Cernobbio (Italia), 2 de outubro de 2026
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, mantivo hoxe en Villa Erba, no marco da feira Orticolario 2026, un encontro con medios de comunicación especializados en turismo, viaxes, estilo de vida e gastronomía, así como con profesionais do turismo premium, aos que presentou o destino Galicia a través de recursos propios coma os xardíns históricos, os pazos, a paisaxe atlántica e a cultura aos que se referiu como “parte esencial da nosa identidade e da nosa proposta turística”.
Xosé Merelles puxo en valor esta proposta turística na antesala do que será o Xacobeo 2027, ante o mercado italiano, que ocupa a terceira posición en maior número de turistas internacionais, e o segundo en canto á procedencia internacional dos peregrinos que fixeron ata agora o Camiño de Santiago. Entre xaneiro e agosto deste 2026, o número de visitantes italianos incrementouse o 33% con máis de 112.000 viaxeiros, mentres que o de peregrinos fíxoo un 66% con case 40.000 Compostelas entregadas.
O director de Turismo de Galicia destacou a singular relación que existe en Galicia entre natureza e patrimonio e o papel que os xardíns históricos desempeñaron ao longo dos séculos na configuración da súa paisaxe. “Os xardíns históricos non son para nós un elemento ornamental nin algo separado da nosa historia. Forman parte da nosa maneira de habitar o territorio, da nosa arquitectura, da nosa paisaxe e tamén da nosa cultura”, sinalou.
Neste contexto, destacou que Galicia reúne a maior concentración de xardíns históricos de España, cun total de dez espazos galegos recoñecidos dentro do Itinerario Europeo de Xardíns Históricos, avalado polo Consello de Europa.
Xosé Merelles explicou tamén aos asistentes o concepto do espazo co que Galicia participa este ano en Orticolario: unha recreación do interior dun pazo galego abandonado no que a natureza foi recuperando as distintas estancias. Unha proposta concibida para que o visitante poida “experimentar unha parte de Galicia e comprender a relación entre a arquitectura tradicional e a vexetación”, explicou.
Durante o percorrido, a camelia serviu como fío condutor do encontro e como exemplo da capacidade de Galicia para incorporar influencias chegadas doutros lugares. Esta riqueza constitúe a base dun dos produtos turísticos diferenciais do territorio, a Ruta da Camelia, que percorre Galicia de norte a sur a través de doce pazos e xardíns e que se atopa cos camiños que conducen a Santiago.
O director de Turismo de Galicia presentou esta ruta como unha proposta axeitada para un viaxeiro que busca exclusividade, paisaxe e experiencias vinculadas ao territorio. Destacou tamén o Tren Turístico da Camelia, cuxas saídas de primavera permiten coñecer varios xardíns mentres se percorre a paisaxe atlántica.
Ao remate do encontro, Xosé Merelles convidou os xornalistas e touroperadores presentes a coñecer persoalmente Galicia e descubrir sobre o terreo unha oferta turística baseada na autenticidade, na calidade e na singularidade das experiencias.
Turismo premium
A presenza na feira Orticolario enmárcase na estratexia da Xunta para reforzar a proxección internacional do territorio e avanzar no posicionamento da comunidade galega como destino do turismo premium.
Turismo de Galicia iniciou este 2026 unha nova liña de colaboración con Virtuoso, a principal rede internacional especializada en turismo e experiencias de viaxe premium, que reúne máis de 20.000 axencias e profesionais do sector en todo o mundo.
O acordo permite ampliar a presenza de Galicia nos mercados internacionais a través dun programa de accións promocionais, co obxectivo de favorecer a imaxe de Galicia como destino premium.
Neste sentido, a participación galega en Orticolario forma parte do plan de achegar ao público italiano unha oferta turística vinculada á paisaxe, aos xardíns históricos, ao patrimonio cultural, á gastronomía e a un modelo turístico sostible, con propostas que poden ser desfrutadas ao longo de todo o ano.
A proximidade do Xacobeo 2027 permite, ademais, reforzar a comunicación internacional arredor do Camiño de Santiago e presentar Galicia como un destino no que patrimonio, natureza, cultura, gastronomía e experiencias singulares se integran nunha proposta turística diferenciada.