A Xunta amplía o servizo entre o IES Eduardo Pondal de Ponteceso ata Laxe e Carballo

Facilítase o acceso en transporte público ao alumnado das ensinanzas non obrigatorias do centro, como os novos ciclos de Formación Profesional que se implantan o próximo curso

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2024

A Xunta reorganiza cinco liñas de autobús do IES Eduardo Pondal de Ponteceso para ampliar o servizo ata Laxe e Carballo con 15 novas paradas. Así se abordou nunha reunión recente entre a directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, e o alcalde José Manuel Mato.

As melloras aprobadas, que se implantarán o 1 de setembro, facilitan o acceso en transporte público ao alumnado que estuda as ensinanzas non obrigatorias que se imparten no centro, como os novos ciclos de Formación Profesional que se implantan o próximo curso. Ao tempo, a reorganización asegura un deseño das liñas optimizado tamén para os estudantes de ensino obrigatorio con reserva de praza.

As liñas integradas que prestan servizo no IES Eduardo Pondal contaban ata agora con paradas en Ponteceso e Malpica de Bergantiños. Para ampliar a cobertura do servizo, prolónganse dúas liñas ata Carballo e Laxe, incorporando 15 novas paradas non integradas en Cabana de Bergantiños, Carballo e Laxe.

Xunto coa prolongación de ambas as dúas liñas, co fin de optimizar a configuración xeral do servizo, outras 9 paradas cambian de liña. O conxunto de cambios das cinco liñas implicou os axustes horarios correspondentes para asegurar que a chegada ao centro se mantén en todos os servizos ás 08,20 horas coa marxe adecuada para o inicio das clases.

A información relativa aos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/08/2024