O presidente do Goberno galego participou no acto de inauguración da rehabilitación do faro primitivo do Cabo Silleiro
Rueda destaca a aposta da Xunta por recuperar bens patrimoniais singulares do Camiño de Santiago para dinamizalos e potenciar o atractivo das rutas
Pon en valor o novo proxecto no faro baionés como un xeito de xerar riqueza no litoral de forma sustentable e que conformará un destino de referencia, con espazo hoteleiro e tamén de restauración
Subliña a importancia deste tipo de iniciativas para ofrecer un turismo responsable e cada vez máis desestacionalizado e diversificado, lembrando que en 2023 acadouse o récord de 7 millóns de viaxeiros
Baiona (Pontevedra), 12 de agosto de 2024
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a aposta do Goberno galego por recuperar elementos patrimoniais singulares que forman parte do Camiño de Santiago, axudando a dinamizalos e tamén a seguir potenciando todo o atractivo das rutas xacobeas.
Así o manifestou durante a inauguración das obras de rehabilitación e acondicionamento do Faro Primitivo do Cabo Silleiro, en Baiona, o cal valorou como un xeito de xerar riqueza no litoral de forma sustentable e que conformará un destino de referencia na costa galega. Un exemplo, indicou, da aposta de Galicia pola excelencia turística e pola defensa da súa paisaxe, historia, valores e gastronomía.
Neste sentido, e para contribuír a seguir recuperando este tipo de bens, a Xunta puxo en marcha unha liña de axudas para poñelos en valor –5,3 M€– dentro da súa aposta pola excelencia dun modelo turístico que non deixa de sumar recoñecementos –311 empresas con Q de Calidade, 42 con S de sustentabilidade e máis de 140 bandeiras azuis–.
Rueda subliñou a importancia deste tipo de iniciativas para ofrecer un turismo responsable e tamén cada vez máis desestacionalizado e diversificado, lembrando que en 2023 se bateron todos os récords, con 7 millóns de viaxeiros que elixiron a comunidade.
O Atlántico como punto de encontro
A actuación no Faro Primitivo xa está culminada, o que permitirá ofrecer un espazo de restauración baixo o modelo de Taberna con sabor Atlántico como punto de encontro tanto para os peregrinos do Camiño Portugués da Costa, unha das rutas xacobeas de maior crecemento –con máis de 44.000 Compostelas entregadas ata o momento–, como para os visitantes que elixen o Val Miñor durante todo o ano.
Este proxecto culminarase coa transformación do Faro Principal ou Grande nun hotel de tres plantas e un restaurante.