A Xunta pon en valor entre a mocidade o patrimonio arqueolóxico de Galicia nos seus campamentos

A directora xeral de Xuventude visita en Muíños (Ourense) o complexo O Corgo, no que rapazada, de entre 12 e 15 anos, descobre dolmens e ruínas romanas da zona

Lara Meneses tamén se achega ao campamento xuvenil ‘Penedos de Xacinto’ que conta con obradoiros de teatro e propostas deportivas en Entrimo (Ourense)

Muíños (Ourense), 13 de agosto de 2024

A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, achegouse está mañá a Muíños (Ourense) ao campamento Megalítico e arqueolóxico, no que están aloxados rapazada,  entre 12 e 15 anos, e que puxo en valor como parte da estratexia do Goberno galego de levar a cabo un labor didáctico a prol do coñecemento e difusión entre a xente máis nova deste rico patrimonio.

Lara Meneses lembrou que estes campamentos forman parte da campaña O teu mellor verán da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e precisou que, no caso concreto desta actividade, ofrécense medio cento de prazas para poder coñecer o megalitismo da zona. Deste xeito, a rapazada que se aloxa no complexo O Corgo está a ter oportunidade de visitar os dolmens ao pé do Val do Salas, facer rutas de sendeirismo polo Val da Morte ou visitar as ruínas romanas Aquis Querquenis.

Neste senso, a representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salientou a importancia deste tipo de accións desde o Goberno galego para “a posta en valor da arqueoloxía da nosa terra a través de actividades lúdicas coas que os rapaces e rapazas aprenden mentres que se divirten ao aire libre”. 

A directora xeral de Xuventude destacou que este campamento tamén leva a cabo propostas medioambientais como unha visita a Salgueiro para avistar as aguias reais, outras iniciativas relacionadas coa cultura popular, como facer pan nun forno ou xogos tradicionais, ademais de probas de resistencia e habilidade no circuíto Gladiator Race.

Campamento de teatro e aventura na natureza

A representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude tamén se desprazou hoxe ao campamento xuvenil Penedos de Xacinto de Entrimo (Ourense), que forma parte do programa O teu mellor verán. Entre as propostas que se desenvolverá ata o día o 21 de agosto, con 100 rapaces de entre 9 e 13 anos de idade, realizará actividades relacionadas co teatro, como expresión corporal, ensaios, técnicas de circo, caracterización, maxia e equilibro.

Lara Meneses tamén sinalou outras iniciativas de aventura e deporte que se están a desenvolver neste concello ourensán, como xogos cooperativos, tiro con arco, dinámicas na piscina, aula da natureza ou excursións. Deste xeito, destacou a oferta “lúdico formativa que se desenvolve en toda a Comunidade para que os rapaces galegos poidan gozar duns días diferentes e cheos de iniciativas fomentadas polo Goberno galego”.

Programación O teu mellor verán

Lara Meneses fixo fincapé en que a Campaña de Verán da Xunta supón un recurso de conciliación da vida familiar e laboral, “sendo un referente en todo o Estado polo alto nivel das súas actividades”. “Así é que se converteu en destino preferente tanto para a mocidade galega como doutras comunidades autónomas e do estranxeiro”, aseverou.

No caso concreto deste ano ofertáronse un total de 11.533 prazas, o que supón a maior oferta da historia destas actividades de verán que dependen da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

As opcións abranguen campamentos para mozos e mozas de entre 9 e 17 anos, actividades para maiores de 18 anos, minicampamentos, campos de voluntariado, o programa Conecta con Galicia para a mocidade galega no exterior e o uso das instalacións xuvenís xestionadas pola Xunta. Ademais, entre as novidades deste ano, está a oferta de novas propostas tanto nos campamentos como nos campos de voluntariado.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/08/2024