A Policía Autonómica levanta oito actas de infracción nun dispositivo de prevención de consumo de alcohol por menores realizado nas festas de Monforte
Os axentes identificaron tamén 56 persoas e interviñeron substancias estupefacientes
Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2024
Axentes da xefatura provincial da Policía Autonómica en Lugo, en colaboración coa Policía Nacional, levaron a cabo un dispositivo conxunto de prevención de consumo de alcohol por menores de idade o pasado 12 de agosto, no marco das festas da Virxe de Montserrat en Monforte de Lemos. Como resultado das inspeccións identificáronse 56 persoas e levantáronse oito actas de infracción. A maiores, interviñéronse diversas substancias estupefacientes.
Seis das oito actas foron por consumo de alcohol por parte de menores e unha a un establecemento por venta de alcohol a menores con infraccións, en todos estes casos, tanto da Lei 2/1996, do 8 de maio, de Galicia sobre drogas, como da Lei 11/2010, do 17 de decembro, de prevención de consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade. Ademais, rexistrouse outra acta de infracción da Lei Orgánica 4/2015, do 30 de marzo, de protección da seguridade cidadá, por tenencia de sustancias estupefacientes na vía pública.
O dispositivo enmárcase nas actuacións para velar polo cumprimento da Lei 11/2010, de 17 de decembro, de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade, co obxectivo de previr a venda e o subministración a menores de idade, tanto en locais de ocio como bares, pubs ou discotecas coma en supermercados e tendas 24 horas que sexan establecementos expendedores de alcohol e tabaco. Tamén se efectúan intervencións preventivas nas concentracións da mocidade nas vías públicas, para controlar e evitar o consumo ilícito.
A actividade dos axentes céntrase sobre todo en tarefas de inspección a locais e control e vixilancia das zonas de ocio frecuentadas por menores de idade. Os obxectivos pasan por acadar que os establecementos se axusten á normativa en materia de alcohol e tabaco, pero tamén moi especialmente que os menores de idade adopten pautas de conduta saudables, evitando o consumo destes produtos a idades temperás polas importantes repercusións para a saúde que teñen estes consumos na mocidade.