A Xunta impulsa os oficios artesanais tradicionais na Festa da malla de Lobios
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegáronse hoxe ata a VIII Festa da malla e da feira de artesanía e produtos locais organizada pola Asociación de veciños de Puxedo
A Fundación Artesanía de Galicia colabora con dous obradoiros gratuítos especializados na elaboración de papel e na estampaxe impartidos por Peixesapop
No programa de actividades inclúense exposición e venda de produtos de artesanía, obradoiros de elaboración do pan, xogos tradicionais e actuacións musicais
Lobios (Ourense), 14 de agosto de 2024
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegáronse esta tarde ata a VIII edición da Festa da malla e da feira de artesanía e produtos locais, organizada pola Asociación de veciños de Puxedo (Lobios). Trátase dunha festa etnográfica na que os propios veciños recrean unha das fases do ciclo do pan, como é a malla do centeo, nunha das eiras comunitarias existentes na aldea.
A Fundación Artesanía de Galicia colabora por primeira vez este ano a través de dous obradoiros gratuítos e abertos a todos os públicos, impartidos por María José Martínez e José Antonio Carrera, de Peixesapop, que se desenvolverán ata as 21,30 h. No obradoiro de Elaboración de papel amósase os aspectos máis básicos deste proceso e as súas aplicacións. No de Marmoleado os visitantes aprenden a empregar esta técnica de estampaxe na que se pinta sobre a auga logrando formas abstractas que despois se transfiren ao papel.
Na programación da feira, que se celebra durante toda a tarde na Praza de San Antonio, inclúense tamén exposición e venda de pezas de artesanía e de produtos locais, obradoiro infantil de elaboración de pan no forno comunal, xogos tradicionais e actuacións musicais.