A Xunta promove actividades gastronómicas entre a rapazada no campamento ‘O sabor do verán’

A directora xeral de Xuventude visita as actividades que se levan a cabo no Centro Superior de Hostelería de Galicia, combinando o mundo da cociña con propostas lúdicas na natureza

Santiago de Compostela, 21 de agosto de 2024

A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, visitou hoxe o campamento O sabor do verán que se celebra ata o 27 de agosto no Centro Superior de Hostelería de Galicia. Trátase dunha iniciativa que ofrece 30 prazas por quenda e que combina actividades gastronómicas con propostas lúdicas na natureza.

Na súa visita, Lara Meneses recordou que este campamento, incluído na campaña O teu mellor verán da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, permite a rapaces de entre 10 e 13 anos coñecer diferentes técnicas culinarias ou tipos de cociña, ao tempo que gozan doutras propostas lúdicas de temática medioambiental.

As actividades que completan a estancia son xogos ecolóxicos e de concienciación, rutas de sendeirismo, obradoiros de reciclaxe, coñecemento da flora ou aprendizaxe sobre recursos naturais e limpeza do medio. “O obxectivo é poñer en valor a natureza mentres que os cativos se divirten e aprenden ao aire libre”, sinalou Lara Meneses.

Programación ‘O teu mellor verán’

A representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude afondou na importancia de “promover actividades que fomenten, durante esta época de estío, a conciliación familiar e laboral”. Deste xeito, destacou que a Campaña de Verán da Xunta “está sendo un referente en todo o Estado polo alto nivel das súas actividades”. “Así é que Galicia se converteu en destino preferente, tanto para a mocidade galega como doutras comunidades ou do estranxeiro”, aseverou.

No caso concreto deste ano ofertáronse un total de 11.533 prazas, o que supón a maior oferta da historia destas actividades de verán que dependen da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. As opcións abranguen campamentos para mozos e mozas de entre 9 e 17 anos, actividades para maiores de 18 anos, minicampamentos, campos de voluntariado, o programa Conecta con Galicia para a mocidade galega no exterior e o uso das instalacións xuvenís xestionadas pola Xunta.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/08/2024