A Xunta executou o 90 % do Plan anual da cooperación galega no primeiro semestre do ano
Conta cunha dotación de nove millóns de euros no marco do ‘V Plan director da cooperación galega 2023-2026’
A acción humanitaria, a cooperación exterior, a formación, a sensibilización, a investigación e o apoio técnico centran as diversas liñas de actuación
Santiago de Compostela, 25 de agosto de 2024
A Xunta executou o 90 % do Plan anual da cooperación galega previsto para 2024 no primeiro semestre do exercicio. A través deste instrumento dotado con nove millóns de euros, o Goberno galego establece a programación operativa da cooperación galega en función das prioridades xeográficas e sectoriais e dos resultados previstos no V Plan director da cooperación galega 2023-2026.
Entre as accións desenvolvidas figuran a publicación das convocatorias de axudas que son xa sinais de identidade da cooperación galega, principalmente destinadas a ONGD. Trátase das subvencións bianuais para proxectos de cooperación no exterior de ONGD e outros axentes de cooperación, cunha dotación para 2024 de 2,1 millóns de euros, e para proxectos de Educación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global, con 240.000 euros para este ano. Tamén se activaron as liñas de axudas para proxectos de acción humanitaria, cun orzamento de 550.000 euros, e para microproxectos de cooperación no exterior, con 90.000 euros.
Ademais, publicouse unha nova oferta de seis bolsas de formación de persoas expertas en cooperación para o desenvolvemento, de carácter plurianual e á que se destinan 33.300 euros neste exercicio.
Neste marco de acción, tamén se asinaron convenios de acción humanitaria con Farmamundi, UNRWA España e con ACNUR, así como coa Coordinadora galega de ONGD no ámbito da educación para o desenvolvemento, a sensibilización, a formación e o fortalecemento institucional. O importe destes acordos suma 250.000 euros.
Por outra banda, apóiase un ano máis o fortalecemento de capacidades técnicas na xestión dos recursos hídricos en Mozambique, a través dun acordo con Augas de Galicia e a Asociación Enxeñería Sen Fronteiras Galicia, con 332.600 euros en tres exercicios.
Compromisos de 2023
A maiores destas novas accións, estáselles a dar cobertura aos compromisos adquiridos en 2023, como os 32 proxectos no exterior dos axentes de cooperación, 16 proxectos de Educación para o desenvolvemento e a cidadanía global, sete de investigación para o desenvolvemento e seis bolsas de formación de persoas expertas en cooperación internacional.
A eles engádenselles os convenios con distintas entidades para a mellora de recursos hídricos e da seguridade alimentaria en Mozambique, para a acollida temporal de mulleres defensoras de dereitos humanos, para actuacións de acción humanitaria, e para o desenvolvemento do proxecto Activistas polo mundo que queremos, enmarcado no Plan Proxecta da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.
A través das medidas incluídas no Plan anual 2024 da cooperación galega para o desenvolvemento o Goberno galego avanza nos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) co fin de erradicar a pobreza, reducir as desigualdades, promover os dereitos humanos e as liberdades fundamentais ou loitar contra o cambio climático, tal e como establece V Plan director da cooperación galega 2023-2026, que tamén aliña o seu marco estratéxico coa Axenda 2030 e os seus ODS.