O director de Augas de Galicia acompañou á rapazada do campamento xuvenil Virxe de Loreto nunha xornada de sensibilización ambiental no río Quintáns, en Porto do Son
A Xunta salienta o labor da asociación Amicos na concienciación sobre o coidado e protección dos ríos
Roi Fernández enxalza o valor do proxecto Amiríos por combinar a sensibilización sobre a preservación do medio ambiente coa inclusión social dos seus participantes, que se converten en exemplos e referentes para o conxunto da sociedade
Porto do Son (A Coruña), 29 de agosto de 2024
O director de Augas de Galicia, Roi Fernández, acompañou hoxe á rapazada do campamento xuvenil Virxe de Loreto durante a súa participación nunha xornada de sensibilización ambiental ao abeiro do proxecto Amiríos. O representante da Xunta salientou que esta iniciativa, promovida pola asociación Amicos coa colaboración do Executivo galego, contribúe a concienciar tanto aos máis novos como á sociedade en xeral sobre a importancia de coidar e protexer os ríos e a súa contorna ao tempo que favorece a inclusión social dos seus participantes, que se converten en verdadeiros exemplos e referentes para o conxunto da sociedade.
A actividade -a segunda que se realiza desde a posta en marcha do proxecto Amiríos e na que participaron arredor de 40 rapazas e rapaces- desenvolveuse nas proximidades do río Quintáns, ao seu paso polo paseo de Aguieira (Porto do Son). Nela a cativada coñeceu os beneficios para o medio ambiente de ter comportamentos responsables no coidado e preservación dos ríos así como dos ecosistemas existentes na súa contorna.
Por iso, o director de Augas de Galicia enxalzou o traballo realizado por Amicos na concienciación sobre o coidado dun recurso, a auga, que é vital na prestación de determinados servizos esenciais para a cidadanía como son o abastecemento e o saneamento. Por iso, engadiu, é vital velar pola súa limpeza e calidade.
A xornada divulgativa incluíu tres xogos adaptados cos que os participantes puideron coñecer a fondo as características da auga, os seus estados, as etapas do ciclo da auga e a biodiversidade existente nos ríos galegos. Ademais, coñeceron como se analiza a calidade ambiental dos recursos hidráulicos avaliando valores como o osíxeno, o fosfato, nitritos, nitratos e o PH presentes nunha mostra recollida no propio río.
O proxecto
Amiríos é unha iniciativa promovida pola asociación Amicos e financiada por Augas de Galicia co fin de promover a participación activa da sociedade na conservación e mellora do estado dos ríos partindo da situación das canles fluviais da demarcación Galicia-Costa. As accións incluídas no proxecto apóianse na educación e o voluntariado ambiental, a participación cidadá e a inclusión social. De feito, todas as actividades están conducidas por persoas con discapacidade intelectual que contan con formación e experiencia como axentes medioambientais.