A Xunta financia con máis de 280.000 euros a contratación de profesionais para os CIM da área de influencia de Pontevedra
O delegado territorial visitou o CIM de Ponte Caldelas e destacou o “importante traballo” que se leva a cabo nestes centros
A consellería de Política Social e Igualdade investiu máis de 1,2 millóns no Programa de apoio aos CIM da provincia de Pontevedra, o que permitiu financiar os salarios de 63 profesionais
Pontevedra, 2 de setembro de 2024
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o Centro de Información á Muller (CIM) de Ponte Caldelas, onde a consellería de Política Social e Igualdade entregou unha subvención bianual de 45.000 euros a través do programa de apoio aos CIM que permitiu financiar a contratación dun/ha asesor/a xurídico e un/ha profesional da psicoloxía.
Desta forma a consellería asegura o correcto funcionamento do CIM e permite ofrecer un servizo completo e de calidade a todas aquelas mulleres que o precisen.
Cabe destacar que estas axudas os Centros de Información á Muller permitiron financiar con máis de 280.000 euros o funcionamento dos CIM da área de influencia de Pontevedra. O sumatorio das axudas de toda a provincia superan os 1,2 millóns de euros e permitiron empregar a 63 profesionais que xa están a traballar para axudar a millares de mulleres.
O delegado territorial aproveitou a visita para poñer en valor o “importante traballo que se leva a cabo en todos os CIM de Galicia” e explicou que “máis alá de ser un punto de referencia seguro e de confianza para todas as mulleres que o precisen, os CIM convertéronse nun aliado dos concellos para a organización de todo tipo de actividades e iniciativas educativas e de conciliación familiar”.