Diego Calvo asiste á final de paratriatlón na que Susana Rodríguez Gacio conseguiu a medalla de ouro
Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2024
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, xunto ao secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, asistiu esta mañá na ponte Alexandre III de París á proba de paratriatlón na categoría de PTVI dos Xogos Paralímpicos, na que Susana Rodríguez Gacio se proclamou campioa coa súa guía Sara Pérez e revalidou así a medalla de ouro das Olimpíadas de Toquio 2020. Diego Calvo trasladoulles o orgullo e o agradecemento de toda Galicia polo seu esforzo e este novo éxito. Debido precisamente aos seus títulos e medallas en campionatos internacionais, tanto mundiais como europeos, a Xunta concedeu o ano pasado a Susana Rodríguez Gacio a Medalla Castelao.
Nesta xornada, o conselleiro de Presidencia e o secretario xeral para o Deporte visitaron os deportistas da delegación galega na Vila Paralímpica, entre eles, Adi Iglesias, tamén medalla de ouro en Toquio e que mañá compite nos 100 metros lisos T13 ou Desi Vila, quen disputará o xoves a final de salto de lonxitude T63.