O Padroado da Funga nomea a Eloína Injerto como nova directora xerente

Traballadora social de profesión, ocupou postos de dirección en diferentes entidades sociais

O Padroado informou, ademais, da creación dun novo equipo de traballo multidisciplinar para reforzar a operatividade e a especialización da institución

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2024

O Padroado da Funga, Fundación pública galega para o apoio ao exercicio da capacidade xurídica, acordou hoxe o nomeamento de Eloína Injerto como nova directora xerente da institución. Substitúe a Juan José Couce, que recentemente afrontou un novo reto profesional como director territorial de Emprego na Coruña.

Eloína Injerto conta cunha sólida e actualizada formación no ámbito do Traballo Social, do que ata agora formou parte como docente e investigadora, ademais de ter sido a directora territorial da Fundación JuanSoñador en Galicia. É especialista en xestión de organizacións sen ánimo de lucro e ten un longo historial de voluntariado e servizo público en diferentes concellos galegos.

Novo equipo multidisciplinar

O Padroado, presidido pola conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, confirmou, ademais, a creación dun novo equipo multidisciplinar para reforzar a operatividade e a especialización da institución, formado por un asesor xurídico, un traballador social e un administrativo. Desde o ano 2009, a Xunta incrementou nun 50% o cadro de persoal da Funga.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/09/2024