A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañada da delegada territorial na Coruña, Belén do Campo, visitou hoxe a escola infantil As Mariñas

A Xunta ultima melloras por máis de 3 M€ nas súas escolas infantís para nenos de 0 a 3 anos de cara ao inminente inicio do curso, que de novo será gratuíto para as familias

O obxectivo é poñer á disposición das familias os mellores espazos para a atención e o coidado dos seus fillos

Galicia segue a ser a única Comunidade Autónoma que ofrece de balde a atención educativa de 0 a 3 anos 8 horas ao día durante 11 meses ao ano

A Coruña, 3 de setembro de 2024

A Xunta de Galicia está a rematar a posta a punto das súas escolas infantís de cara ao inminente inicio de curso, o vindeiro venres 6 de setembro, no que de novo a atención educativa será completamente gratuíta para as familias en todos os centros, tanto públicos, como privados ou de iniciativa social. O Executivo autonómico destinou tres millóns de euros a obras de mellora na rede pública autonómica de centros de 0 a 3 anos que se acometeron durante os meses de verán.

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou hoxe a escola infantil As Mariñas acompañada da delegada territorial da Xunta en A Coruña, Belén do Campo, onde sinalou que o obxectivo das actuacións feitas neste e no resto de centros é poñer á disposición das familias os mellores espazos para a atención e coidado dos seus fillos. No caso da escola de As Mariñas mellorouse a súa eficiencia enerxética, coa renovación das fiestras e as persianas.

Ademais, Fabiola García destacou que este novo curso que está a piques de comezar será o terceiro no que as familias non terán que pagar nada pola escola infantil dos seus fillos, vaian a unha pública, de iniciativa social ou privada. Neste sentido, explicou que Galicia segue a ser a única Comunidade Autónoma que ofrece de balde a atención educativa de 0 a 3 anos 8 horas ao día durante 11 meses ao ano.

Líderes en escolarización de 0 a 3 anos

A Xunta inviste 60 millóns de euros de fondos propios nesta aposta pola conciliación gratuíta da que se poden beneficiar máis de 32.000 familias, para as que supón un aforro medio de máis de 3.000 euros por fillo. A conselleira manifestou que o obxectivo que se persegue coa gratuidade é que no curso 2024-2025 Galicia continúe estando entre as Comunidades Autónomas cos mellores datos de escolarización neste primeiro ciclo de Educación Infantil.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/09/2024