A Xunta lembra que o próximo luns remata o prazo para solicitar as axudas do IRPF destinadas a financiar programas e investimentos sociais
O orzamento inicial é de 35,5 M€ e prevese que se poida ampliar ata os 42 M€, un 20% máis que o pasado ano
O obxectivo é financia accións de carácter social en diferentes eidos como a infancia, a atención á discapacidade, a inclusión social ou a promoción da igualdade
Santiago de Compostela, 25 de xullo do 2026
A Xunta lembra que o prazo para solicitar as axudas correspondente á orde do IRPF para programas e investimentos de iniciativa social remata o vindeiro luns, 27 de xullo. Ata ese día, as entidades de iniciativa social poderán acollerse a esta convocatoria publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG).
O orzamento inicial é de 35,5 millóns de euros, con cargo á asignación tributaria do 0,7% do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) e do Imposto de Sociedades. Prevese que unha vez que o Goberno central formalice a asignación da contía definitiva que lle corresponde a Galicia, o total desta orde que xestiona a Consellería de Política Social e Igualdade, ascenda ata os 42,4 millóns de euros, un 20% máis que o ano anterior.
Esta liña de achegas está dirixida a entidades que traballan no ámbito das políticas sociais e a igualdade. É dicir, que desenvolven actuacións destinadas ao apoio da familia e da infancia, así como á dinamización demográfica; á atención de persoas maiores e con discapacidade; á inclusión social; á promoción da igualdade entre mulleres e homes e á prevención da violencia de xénero e o apoio ás vítimas. A través destas axudas tamén se poden financiar investimentos en equipamentos, obras de adaptación e rehabilitación de centros e unidades de atención ou a adquisición de vehículos adaptados.
De feito, o pasado ano financiáronse 773 programas e proxectos, impulsados por 167 entidades, o que supón 29 iniciativas e doce entidades máis que no 2024. Estas cifras supoñen continuar coa tendencia crecente iniciada desde a primeira convocatoria xestionada pola Xunta, que foi a do exercicio 2017 e na cal se financiaron 201 programas a 55 entidades.