A Xunta incorpora desde o inicio do curso 10 paradas en Cabana de Bergantiños e Laxe no servizo de autobús do IES Eduardo Pondal de Ponteceso
A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, informou aos rexedores de Cabana de Bergantiños e Laxe das melloras que se activan desde o próximo mércores nos horarios e paradas da liña de autobús
A medida beneficia tamén ao concello de Carballo ao prolongarse as liñas ata este concello, que incorpora tamén novas paradas
Facilítase o acceso en transporte público ao alumnado das ensinanzas non obrigatorias do centro e dos novos ciclos de Formación Profesional que se implantan este curso
Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2024
A Xunta activa desde o vindeiro mércores, 11 de setembro, a ampliación dos servizos de autobús do IES Eduardo Pondal de Ponteceso que incorporan 10 paradas en Cabana de Bergantiños e Laxe. Así se abordou este mércores nunha reunión entre a directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, e os alcaldes de ambos municipios, José Muíño Domínguez e Francisco Charlín Oróns.
Co próximo inicio do curso, ponse en marcha unha reorganización de cinco liñas integradas do IES Eduardo Pondal dirixida a facilitar o acceso en transporte público ao alumnado que estuda as ensinanzas non obrigatorias que se imparten no centro, como os novos ciclos de Formación Profesional que se implantan este curso.
As liñas integradas que prestan servizo no IES Eduardo Pondal contaban ata agora con paradas en Ponteceso e Malpica de Bergantiños. Para ampliar a cobertura do servizo, prolónganse dúas liñas ata Carballo e Laxe, incorporando 15 novas paradas non integradas en Cabana de Bergantiños, Carballo e Laxe.
A prolongación ata Laxe dunha das liñas amplía a cobertura do servizo aos usuarios de Cabana de Bergantiños e Laxe que se dirixen ao instituto, con cinco paradas non integradas en cada un dos municipios. Así, a liña IES de Ponteceso-Laxe (porto) contará coas paradas Cruce de Nantón, Neaño, As Revoltas, Cruce Grelas e Canduas en Cabana de Bergantiños e O Cabo da Area, Finllido, Vilamparo, Rosalía de Castro e Laxe (porto) en Laxe.
Coas melloras aprobadas, refórzase a oferta de servizos entre Laxe, Cabana de Bergantiños, Carballo e Ponteceso, sobre todo nos horarios adaptados ás xornadas lectivas do centro.
A liña IES de Ponteceso-Laxe (porto) contará de luns a venres en tempada lectiva cun servizo que sairá de Laxe ás 08,00 horas e outro de volta ás 14, 10 horas. Os luns pola tarde ofrecerá servizos de ida e volta ás 15,45 horas e ás 18,05 horas. Ademais, os venres funcionará un servizo con saída de Laxe ás 08,30 horas en tempada non lectiva e un de volta ás 13,30 horas durante todo o ano.
A información relativa aos servizos está dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.
Por outra parte, no encontro de hoxe os alcaldes de Laxe e Cabana de Bergantiños tamén trasladaron á directora xeral de Mobilidade a posibilidade de mellorar o acceso ao transporte público do alumnado de ambos municipios que estuda no IES Maximino Romero de Lema de Baio.