Lara Meneses destaca as importantes saídas laborais que ten a formación nas Escolas de Tempo Libre

A directora xeral de Xuventude explica no Parlamento que a educación nestes centros “é moi útil para que a mocidade adquira novas habilidades”

A Xunta oferta unha media de algo máis de 100 cursos anuais supervisados pola Escola Galega de Xuventude

O ano pasado expedíronse un total de 1.406 títulos de monitores, 67 de directores e 4 na dirección de campos de voluntariado

Santiago de Compostela, 4 de setembro 2024

A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, salientou hoxe a aposta do Goberno galego pola educación non formal en actividades de tempo libre e de lecer como unha ferramenta “útil e con gran potencial para que a mocidade galega adquira novas habilidades que lle faciliten o acceso ao mercado laboral”. Así o explicou na Comisión 4ª do Parlamento, onde deu conta da oferta e funcionamento das Escolas de Tempo Libre, supervisadas pola Escola Galega de Xuventude.

Tal e como lembrou, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude conta con preto dun cento de centros deste tipo que convocan unha media de algo máis de 100 cursos anuais. Deste xeito, durante o ano pasado foron impartidos 89 cursos de monitor ou monitora de actividades de tempo libre, 6 de director e directora neste eido e 2 cursos de persoal director de campos de voluntariado. Así, a Dirección Xeral de Xuventude expediu en 2023 un total de 1.406 títulos de monitores, 67 de directores e 4 de directores de campos de voluntariado.

Neste senso, Lara Meneses apuntou que a formación nestas escolas ofrecen moitas saídas laborais “primeiramente nos campamentos de verán, ámbito no que hai que ter en conta que por parte da Xunta cada ano ampliamos considerablemente o número de prazas e, polo tanto, precísase máis persoal cualificado”. Outras das opcións, concretou, son os centros de ocio, campamentos urbanos, centros de día, ludotecas, talleres de animación, academias de actividades extraescolares e mesmo aloxamentos vacacionais.

Ademais, fixo fincapé noutras funcións da Escola Galega de Xuventude, como é a elaboración da programación anual de cursos e actividades formativas complementarias ás realizadas polos diferentes centros de educación no tempo libre. Destacan desta maneira as que teñan por obxecto a especialización en áreas concretas de coñecemento na monitorización e dirección deste tipo de propostas para o lecer.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/09/2024