A Xunta pon en valor en Ponte Caldelas os 60 participantes no seu proxecto piloto de coliving para atraer nómades dixitais e fixar poboación no rural
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, estivo hoxe no coliving de Anceu, onde se están a aloxar en estadías de 15 días parte das persoas seleccionadas ao abeiro da iniciativa Fixar, desenvolvida coa asociación Sende
Unha vintena afondará no espírito do coliving rural e recibirá mentorización para impulsar os seus negocios en Ponte Caldelas, mentres outra vintena o fará no coliving de iSlow (Laxe) e outras 20 persoas estarán no de Sende (Lobeira)
Estes participantes -13 delas asesorados na Rede de polos- foron escollidos das catro provincias, con proxectos multidisciplinares relacionados con eidos como os da cultura, a educación, a arquitectura, a comunicación, a artesanía ou o medio ambiente
Boa parte deles -entre as que se atopan galegos retornados ou estranxeiros afincados na nosa Comunidade- residen en cidades e teñen interese en asentarse no rural galego, ademais de predisposición por dar un xiro ás súas traxectorias profesionais
Ponte Caldelas (Pontevedra), 5 de setembro de 2024
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou hoxe en Ponte Caldelas as instalacións de Anceu, un dos tres centros onde se está a desenvolver o proxecto pioneiro de coliving para atraer nómades dixitais e fixar poboación no rural que a Xunta está a levar a cabo da man da Asociación Cultural Sende. Alí, Fernández mantivo un encontro con implicados na iniciativa Fixar na que participarán un total de 60 persoas seleccionadas, que continúan neste mes de setembro a gozar das estadías de 15 días contempladas tanto en Anceu como nos coliving de Sende (Lobeira) e ISlow (Laxe).
O secretario xeral salientou que polo coliving de Ponte Caldelas pasarán 20 das 60 persoas participantes, reservándose os outros dous grupos de 20 para os centros de Lobeira e Laxe, respectivamente.
Poñendo de relevo que 13 do total de seleccionados forman parte dos asesorados desde a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, fixo fincapé en que as persoas escollidas proveñen das catro provincias galegas, con proxectos multidisciplinares relacionados con eidos como o da cultura ou o da educación, o da arquitectura ou o da construción, o da comunicación ou o da informática. Tamén son sobre artesanía, oficios ou moda, financeiros ou arredor do medio ambiente, entre outros campos.
Así mesmo, apuntou que unha boa parte destas persoas participantes -entre as que se poden atopar galegos retornados ou estranxeiros afincados na nosa Comunidade- residen en cidades e teñen interese en asentarse no rural galego, co obxectivo de dinamizalo e de ofrecer novos servizos e recursos nesas contornas. Destaca tamén a predisposición por dar un xiro ás súas actuais traxectorias profesionais, grazas ás novas perspectivas e experiencias que lles pode ofrecer a iniciativa impulsada pola Xunta.
Tal e como apuntou Pablo Fernández, trátase da primeira actuación destas características que promove a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración xunto con Sende, entidade que xestiona no concello ourensán de Lobeira o primeiro espazo coliving de Europa e que conta con ampla experiencia neste ámbito.
Deste xeito, o Goberno galego avanza na súa aposta polo emprendemento no rural e na creación de comunidade na Galicia non urbana a través de espazos de experimentación para novos negocios ligados ao territorio e nos que os emprendedores poidan testar os seus produtos ou servizos. Unha aposta que vén de ser recoñecida -recalcou- co premio á Rexión Emprendedora Europea 2025.
Fases de Fixar
No marco do proxecto Fixar traballarase coa comunidade en tres fases. A primeira artéllase a través das estadías que xa comezaron, nas que os participantes afondarán no espírito e na filosofía do coliving rural, recibirán mentorización, construirán a súa rede e traballarán en impulsar os seus negocios. Deste xeito, búscase conxugar as oportunidades que ofrecen estes espazos co compromiso comunitario, coa tecnoloxía e cos beneficios do rural galego.
En canto á segunda fase, nela proporcionaráselle apoio continuo a esta comunidade a través dun grupo especial en liña para axudalos en aspectos relacionados coa vida na aldea. A terceira fase consistirá en organizar xuntanzas presenciais cada mes, permitindo que os 60 participantes se encontren e fortalezan o sentido de comunidade.