A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, informou hoxe sobre os resultados desta análise
O estudo encargado pola Xunta cifra en 526M€ o custo da transferencia da autoestrada AP-9 a Galicia e o rescate oscila entre 1.612M€ e 2.355M€
Estas cifras son froito dunha análise pormenorizada elaborada por unha empresa experta e independente, tras a falta de transparencia do Ministerio de Transportes
O informe contempla dous escenarios, o primeiro a transferencia da titularidade da AP-9 á Comunidade Autónoma de acordo coa proposición de Lei que se tramita no Congreso, que suporía un custo de algo máis de 526M€
O segundo escenario que avalía o estudo é o rescate e, en consecuencia, a gratuidade, cuxo custo se estima nunha marxe entre os 1.612 e os 2.355M€
María M. Allegue subliñou que estes custos distan moito dos ofrecidos polo ministro Óscar Puente, que falou primeiro de 2.000M€, logo de 4.000€ e finalmente ata 6.000M€
Remarcou que a Xunta vén defendendo desde 2009 a transferencia da AP-9, cuxa proposición de Lei foi aprobada polo Parlamento en catro ocasións e por unanimidade e o debate do traspaso foi admitido en xuño por terceira vez polo Congreso dos Deputados
Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2024
O estudo encargado pola Xunta cifra en 526M€ o custo da transferencia da autoestrada AP-9 a Galicia e o rescate oscila entre 1.612M€ e 2.355M€.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e o xefe de Proxectos da consultora Eptisa, Marcos Maderuelo, deu conta esta mañá nunha rolda de prensa dos resultados deste estudo.
O Goberno galego encargou no pasado mes de xuño a unha empresa experta e independente unha análise pormenorizada para determinar o custo real do traspaso da AP-9 á comunidade, unha reivindicación reiterada desde o ano 2009.
Segundo detallou a conselleira, o informe hoxe presentado contempla dous escenarios, o primeiro a transferencia da titularidade da AP-9 á Comunidade Autónoma. O cambio de titularidade en si mesmo non tería custo, pero si os incrementos de bonificacións e a eliminación do aumento de tarifa nun 1% anual, que se prevén no texto da proposición de Lei que se tramita no Congreso, e que suporían un gasto de algo máis de 526M€ adicional ás bonificacións vixentes.
O segundo escenario que avalía o estudo é o rescate e, en consecuencia, a gratuidade, cuxo custo se estima nunha oscilación entre os 1.612 e os 2.355M€.
Estes números froito do citado estudo, tal como puntualizou a conselleira, distan moito dos ofrecidos nos últimos meses polo ministro de Transportes, Óscar Puente, que falou primeiro de 2.000M€, logo de 4.000€ e finalmente ata 6.000M€.
A Xunta vén demandando transparencia ao Goberno nestas cifras e, dada a súa negativa, encargou este estudo para poder contar con información rigorosa sobre os investimentos necesarios para os citados procedementos.
María M. Allegue subliñou que a Xunta segue defendendo esta transferencia, cuxa proposición de Lei foi aprobada polo Parlamento galego ata en catro ocasións e por unanimidade.
Cómpre lembrar que o Congreso dos Deputados tamén admitiu en xuño, por terceira vez, o debate para materializar este traspaso.
A responsable de Infraestruturas fixo fincapé en que o Goberno galego continuará exixindo que se cumpran os compromisos do PSOE e do BNG, que prometeron en campaña das eleccións autonómicas a gratuidade na AP-9 e tamén na AP-53 entre Santiago e Lalín.