López Campos anima o alumnado do Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires a manter vivo o legado de Galicia e dos seus devanceiros na Arxentina

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude recibe na Cidade da Cultura unha vintena de estudantes do centro que están a realizar unha viaxe de estudos á nosa Comunidade

Santiago de Compostela, 5 de setembro 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, animou hoxe o alumnado do Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstol de Bos Aires a manter vivo o legado de Galicia e dos seus devanceiros na Arxentina. Fíxoo aproveitando a viaxe de estudos que están a realizar, xunto co membro fundador deste centro, José Manuel Castelao Bragaña, á Comunidade para coñecer lugares de especial interese patrimonial e natural, así como as principais institucións culturais galegas.           

Precisamente, López Campos, acompañado do secretario xeral da Lingua, Valentín García, recibiu a vintena de rapaces e rapazas deste centro bonaerense, con idades comprendidas entre os 17 e 19 anos de idade, na Cidade da Cultura de Galicia, complexo arquitectónico e cultural que puideron coñecer en profundidade nunha visita guiada.

Cómpre lembrar que o Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstolo puxo en marcha o seu primeiro ciclo lectivo en marzo de 1998 para atender a ampla demanda social da colectividade galega na capital arxentina e, desde entón, foi completando a súa oferta educativa ata abranguer os actuais niveis de infantil, primaria e secundaria. Desde o ano 2003, o centro de ensino conta cun Departamento de Lingua e Literatura Galega, que contribúe aínda máis a reafirmar os valores e trazos da identidade e da cultura do noso país na escola, favorecendo a súa difusión entre o seu estudantado. O alumnado cursa nel as materias, co galego como lingua vehicular, de Lingua e Literatura, Xeografía e Historia de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/09/2024