O conselleiro de Sanidade, acompañado do director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, despediu no aeroporto de Peinador aos nenos e nenas saharauís que regresan ás súas casas despois de pasar o verán en Galicia

A Xunta entrega medicamentos e material sanitario á Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí

Coa colaboración do Hospital Álvaro Cunqueiro, o Goberno galego preparou un envío de medicamentos e produtos sanitarios para tratar patoloxías agudas e crónicas

Envíase medicación para situacións de emerxencia, medicamentos para tratar a dor, a febre e procesos infecciosos, pero tamén patoloxías como a asma, a hipertensión a diabetes ou o tratamento de feridas

Ademais, a colaboración establecida entre a Xunta e a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, no marco do Programa Vacacións en Paz, garante a asistencia sanitaria destes rapaces no seu período vacacional

Vigo, 5 de setembro de 2024

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, acompañado do director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva Tojo, despediu hoxe, no aeroporto de Vigo, aos 289 nenas e nenos saharauís que regresan ás súas casas despois de pasar o verán con familias de acollida no marco do Programa Vacacións en Paz, organizado pola asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí.

A Xunta de Galicia súmase a proxectos de axuda como o de Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, facendo unha doazón de medicamentos e material sanitario. Así, o Servizo Galego de Saúde, coa colaboración do Hospital Alvaro Cunqueiro da área sanitaria de Vigo, preparou un envío de medicamentos e produtos sanitarios para tratar patoloxías agudas e crónicas.

En concreto, envíase medicación para situacións de emerxencia, medicamentos para tratar a dor, a febre e procesos infecciosos, pero tamén patoloxías como a asma, a hipertensión a diabetes ou o tratamento de feridas. 

Así mesmo, envíase material sanitario para diagnóstico de patoloxías infecciosas e crónicas (glicómetros, lancetas e tiras reactivas para medir glicosa dos diabéticos) e produtos de atención obstétrica á muller embarazada. Tamén se enviou material de protección dos profesionais sanitarios, como luvas, máscaras e xel hidroalcohólico. Destaca o envío de 3.000 dose de antibióticos, 2.500 de analxésicos, 200 sistemas de soro, 600 catéteres intravenosos e xiringas. 

Ademais, a colaboración establecida entre o Servizo Galego de Saúde e a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí no marco deste programa garante a asistencia sanitaria destes rapaces no seu período vacacional, incluíndo a atención primaria, a atención especializada e as prestacións farmacéuticas.

Cómpre remarcar que Galicia vén participando nesta iniciativa solidaria desde hai máis de 30 anos, ofrecendo a posibilidade de que estes nenos e nenas desfruten dunha estadía agradable, humana e culturalmente rica, baixo a supervisión e os coidados das familias acolledoras galegas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/09/2024