A Xunta participa na entrega das xoias da Virxe do Faro de Chantada elaboradas nun obradoiro de Artesanía de Galicia

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, asistiu hoxe á Romaría do Faro Grande, no Monte Faro, na que se fixo entrega á Virxe das xoias elaboradas nun obradoiro impartido pola ourive compostelá Susi Gesto 

Con este tipo de iniciativas o Goberno galego contribúe a divulgar os oficios artesanais e a poñer en valor o traballo dos profesionais deste sector

Chantada (Lugo), 8 de setembro de 2024

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou hoxe na Romaría do Faro Grande, no Monte Faro (Chantada), na que o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, lle fixo entrega á Virxe do Faro das xoias elaboradas durante un obradoiro impartido pola ourive compostelá Susi Gesto, o pasado mes de maio e patrocinado pola Xunta de Galicia.

O obradoiro Unha xoia para a Virxe do Faro estivo enmarcado na mostra O tempo que ficou no olvido, que foi organizada polo Pazo de Sabadelle coa colaboración do Concello de Chantada e da Xunta, a través da Fundación Artesanía de Galicia. Trátase de dúas xoias colaborativas, elaboradas polos 20 participantes no obradoiro, que ficarán na ermida do Monte Faro, un lugar emblemático na fronteira entre as comarcas do Deza (Pontevedra) e a de Chantada (Lugo).

A través deste tipo de iniciativas, a Xunta continúa co seu impulso á divulgación dos oficios artesanais e ao seu achegamento á sociedade co obxectivo de poñer en valor o traballo dos profesionais da artesanía e da marca Artesanía de Galicia.

Susi Gesto

Susi Gesto é unha ourive compostelá que aprendeu o oficio tradicional desde nena co seu pai Eloy Gesto. No ano 2014 establece o seu taller no casco antigo de Santiago de Compostela e o seu traballo caracterízase por unha fonda influencia da ourivería tradicional e pola incorporación doutros materiais coma o cobre. As súas xoias desfilaron en pasarelas como a Mostra do Encaixe de Camariñas e a Moda Norte de Santander, e participou en diferentes exposicións de artesanía e de xoiería.

Habitualmente colabora coa Fundación Artesanía de Galicia como docente de talleres de ourivería en eventos coma o Corazón da Artesanía de Agolada ou Artesanía de Galicia no Courel e é unha das docentes do programa Aprender da tradición. Oficios e técnicas, impulsado pola Xunta en 2023 co obxectivo de manter, divulgar e recuperar técnicas tradicionais e de fomentar a remuda xeracional.

Data de actualización: 08/09/2024