Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 19.00 h. de hoxe

Controlado o incendio do concello pontevedrés de Crecente, parroquia de Filgueira, que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 300 hectáreas e do que se atoparon probas que apuntan á súa intencionalidade

Controlado o lume do municipio ourensán de Entrimo, parroquia de Venceáns, que afecta unhas 200 hectáreas dentro do parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés

Extinguido o lume da localidade ourensá de Oímbra, parroquia homónima, cunha superficie afectada de 26,98 hectáreas

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2024

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 19.00 horas de hoxe venres.

Crecente-Filgueira

Está controlado, dende as 18.29 horas de hoxe, o lume do concello pontevedrés de Crecente, parroquia de Filgueira. Cómpre destacar que durante os traballos de investigación in situ da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO), dependente da Xunta, atopáronse probas que apuntan á intencionalidade deste incendio.

O lume iniciouse ás 22.32 horas do mércores, día 4, e segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 300 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse ata o de agora 5 técnicos, 40 axentes, 71 brigadas, 44 motobombas, 6 pas, 9 helicópteros e 5 avións.

Entrimo-Venceáns

O lume rexistrado no municipio ourensán de Entrimo, parroquia de Venceáns, está controlado dende as 13.58 horas de hoxe. Este incendio iniciouse o martes en Portugal e entrou en territorio galego arredor das 17.00 horas do mércores, día 4. Segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 200 hectáreas, dentro do parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés. Nos labores de extinción deste incendio lévanse mobilizado, polo de agora, 6 técnicos,  33 axentes, 63 brigadas, 23 motobombas, 4 pas, 10 helicópteros e 11 avións.

Oímbra-Oímbra

Ás 13.31 horas de hoxe deuse por extinguido o lume do concello ourensán de Oímbra, parroquia homónima, que se iniciara onte ás 21.54 horas. Segundo as últimas medicións, afectou unha superficie de 26,98 hectáreas, das cales 23,28 se corresponden con monte arborado e as  3,7 restantes con raso. Para a extinción deste incendio mobilizáronse 8 axentes, 18 brigadas, 13 motobombas e 2 pas.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Data de actualización: 06/09/2024