Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 11.45 h. de hoxe
Extinguido o incendio do concello pontevedrés de Crecente, parroquia de Filgueira, que segundo as últimas medicións afectou 267 hectáreas e do que se atoparon probas que apuntan á súa intencionalidade
Extinguido o lume do municipio ourensán de Entrimo, parroquia de Venceáns, que afectou 223 hectáreas dentro do parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés
Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2024
A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 11.45 horas de hoxe sábado.
Crecente-Filgueira
O lume do concello pontevedrés de Crecente, parroquia de Filgueira, quedou extinguido onte venres ás 21.42 horas. Cómpre destacar que durante os traballos de investigación in situ da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO), dependente da Xunta, atopáronse probas que apuntan á intencionalidade deste incendio.
O lume iniciouse ás 22.32 horas do mércores, día 4, e segundo as últimas medicións afectou unha superficie de 267 hectáreas, das que 167 corresponden a monte arborado e as 100 restantes a raso. Para a súa extinción mobilizáronse en conxunto 5 técnicos, 40 axentes, 72 brigadas, 48 motobombas, 6 pas, 9 helicópteros e 5 avións.
Entrimo-Venceáns
O lume rexistrado no municipio ourensán de Entrimo, parroquia de Venceáns, quedou extinguido ás 11.35 horas de hoxe. Este incendio iniciouse o martes en Portugal e entrou en territorio galego arredor das 17.00 horas do mércores, día 4. Segundo as últimas medicións afectou unha superficie de 223 hectáreas, todas elas de monte raso, dentro do parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés. Para a extinción deste incendio mobilizáronse en total 6 técnicos, 35 axentes, 67 brigadas, 23 motobombas, 4 pas, 10 helicópteros e 11 avións.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.