A Xunta presentará o 19 de setembro nun congreso as conclusións do estudo sobre a reforma do mapa municipal de Galicia
As persoas e entidades que desexen asistir teñen de prazo ata o 16 de para acreditarse e inscribirse desde a web https://reformadomapamunicipaldegalicia.gal/
O estudo que se presentará no congreso é froito da colaboración da Xunta coa Fundación Juana de Vega e as tres universidades galegas
Inclúe os resultados dun milleiro de enquisas á cidadanía e entrevistas a unha trintena de expertos que amosaron, en xeral, unha postura favorable ás fusións, ademais de propostas normativas que se terán en conta na nova Lei de Administración Local de Galicia
Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2024
A Xunta está a organizar o congreso Reforma do mapa municipal de Galicia que se celebrará o vindeiro 19 de setembro no hotel monumento San Francisco de Santiago de Compostela. As persoas e entidades que desexen asistir teñen de prazo ata o 16 de setembro para acreditarse realizando a súa inscrición desde a web https://reformadomapamunicipaldegalicia.gal/. Está prevista a asistencia de técnicos, académicos e xestores municipais que compartirán as súas experiencias no que se refire á xestión municipal co obxectivo de racionalizar a planta municipal.
O congreso acollerá a presentación do Estudo sobre a planta local galega realizado en colaboración coa Fundación Juana de Vega e as tres universidades galegas por parte de representantes destas entidades. Trátase dunha análise multidisciplinar sobre a reforma do mapa municipal galego e o impulso de novos procesos de fusión municipal e outras fórmulas de cooperación intermunicipal. Así, durante a elaboración do estudo analizáronse as experiencias dos concellos Oza-Cesuras e Cerdedo-Cotobade, a situación anterior e posterior ás fusións, a súa repercusión económica e a calidade dos servizos prestados á veciñanza.
De feito, cómpre lembrar que o convenio da Xunta para a elaboración deste traballo incluíu a realización dunha enquisa a un milleiro de galegos e galegas coa que coñecer a súa opinión sobre as fusións municipais e outras alternativas de adaptación da planta local. Como resultado, as primeiras conclusións amosaron que a cidadanía ten unha predisposición favorable á fusión voluntaria dos concellos (83%), e considera que a redución do número destes melloraría a súa capacidade de prestación de servizos.
Estas enquisas complementáronse con outras entrevistas cualitativas a unha trintena de expertos en urbanismo, dereito e outras disciplinas vinculadas á administración local, así como a políticos, traballadores municipais e representantes sindicais con experiencia na materia. Ademais, recolle propostas normativas que se están a avaliar e se terán en conta na nova Lei de Administración Local de Galicia na que a Xunta tamén está a traballar.
En definitiva, con este estudo o Goberno galego pretendía abrir un debate sobre a necesidade de actualizar o mapa político-administrativo de Galicia, así como avaliar se a planta municipal é eficiente, ou estudar alternativas que melloren a súa eficacia e mitiguen os problemas que xera o despoboamento. Nesta liña, a Xunta avoga pola necesidade de acometer reformas na planta municipal e aposta polas fusións voluntarias e por outras formas de cooperación para a mellora dos servizos públicos que os concellos prestan á cidadanía, en especial nos de menor poboación.
A programación do congreso contempla ademais a mesa de debate As fusións como solución á pequena dimensión dos concellos galegos?, que será moderada pola directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e na que participarán varios alcaldes.
A Administración autonómica leva anos apostando pola xestión compartida de servizos e polas fusións coa finalidade de garantir a sustentabilidade económica dos concellos galegos e da igualdade de acceso da cidadanía á prestación de servizos con independencia do municipio ao que pertenza.
Cómpre lembrar que Galicia foi pioneira co impulso das dúas únicas fusións voluntarias de municipios que se produciron en España en 40 años: as de Oza-Cesuras e Cerdedo-Cotobade. Como resultado destes procesos, estes concellos teñen unha mellor capacidade financeira para afrontar con maiores garantías o reto de fixar poboación no seu territorio e buscar a súa viabilidade futura.
Dende 2013, a lexislación básica en materia de réxime local, por iniciativa do Goberno galego, recolle medidas concretas encamiñadas a fomentar e incentivar a fusión entre concellos de municipios ao garantir maior financiamento. Tamén desde ese ano se acordou que todas as convocatorias de axudas a concellos ofrezan vantaxe aos proxectos presentados de xeito conxunto. Ademais, desde 2016 a normativa eleva a rango legal medidas complementarias para primar proxectos de xestión compartida e incentivar os procesos de fusión municipal.